Comunicado do PP de Ribadavia sobre a xunta de portavoces celebrada onte para falar sobre a seca extrema que padece Ribadavia.

IES CHAMOSO LAMAS

Onte celebrouse Xunta de portavoces no concello de Ribadavia para falar sobre a situación derivada da seca extrema que estamos a sufrir. Esta Xunta de portavoces chega despois de que o noso grupo tivera solicitado unha xunta de portavoces urxente o pasado xoves 4 de agosto de 2022.

Nesta reunión o goberno municipal trasladounos que, dada a situación excepcional de seca extrema, a empresa concesionaria está a tramitar as autorizacións e a preparar a infraestrutura para un bombeo provisional de auga dende o río Avia ata o depósito da Franqueirán. Parécenos unha boa solución provisional e agardamos que poida poñerse en marcha o antes posible.

OZOCOgz Deseño Galego

Dende o grupo municipal do Partido Popular de Ribadavia aproveitamos a Xunta de portavoces para trasladarlle ao goberno municipal que adopte as seguintes medidas para compensar á cidadanía pola situación que se está a vivir:

1) Que se leve adiante unha modificación de crédito para articular unha liña de axudas directas aos negocios locais perxudicados polos cortes de auga.

2) que se articule un mecanismo de devolución da taxa dos abonos da piscina e dos cursos de natación, dada a necesidade de pechar esta instalación

3) que se articule un mecanismo de bonificación proporcional do recibo da auga polo período que a veciñanza non conta co servizo en condicións normais.

Ademais disto, aproveitamos para reiterar a petición que fixemos por escrito esta mañá ao goberno municipal de que nos de copia dos escritos que a empresa concesionaria presentou no concello de Ribadavia alertando da situación da captación da Franqueirán os días 13/06 e 11/07 de 2022. En cuanto recibamos a copia destes escritos trasladaremos á veciñanza o contido dos mesmos.

Por outra banda, trasladámoslle tamén ao goberno a petición de que nos mantivesen puntualmente informados da evolución da situación para poder trasladar esa información a toda a veciñanza, e puxémonos á disposición do goberno para axudar en todo o que necesiten por parte do noso grupo. Nós estamos para axudar, e para iso precisamos que o goberno nos manteña informados da situación para poder contribuír co noso traballo a todo o que se precise para superar esta difícil situación.