Xosé Carlos Sierra, (historiador, museólogo especializado en patrimonio etnolóxico e antropolóxico, profesor de Prehistoria e Antropoloxía, ex director do Museo etnolóxico de Ribadavia e do Museo das Peregrinacións de Santiago, membro do Consello Asesor do Museo da Limia, presente no seu percorrido dende o seu nacemento), tivo un encontro o pasado sábado co Alcalde de Vilar de Santos e coa Xunta Directiva do Museo, para analizar as actividades desta entidade limiá e valorar o contido das exposicións (Percepcións de Ledicia e Bruno, Veciños de Manolo Traveso e Encontros artesáns dos/as participantes en obradoiros de pintura, bordado e cestaría) que permanecerán abertas ao público na antiga reitoral ata o 15 de setembro.
Xosé Carlos Sierra:«O Museo da Limia refaise día a día e camiña con xeito e con teimosía para se converter nun verdadeiro museo comunitario: un foro da xente e para a xente».
O encontro e a convivencia entre o Museo da Limia, a Asociación de Artesáns LIMIAR e a Asociación de Mulleres ARRACADA vai madurando e os cursos de artesanía impartidos dan os primeros froitos que os visitantes do Museo poden ollar e apalpar.
O Museo da Limia, en Vilar de Santos, ofrécenos os primeiros resultados visibles e tanxibles dunha xeitosa e afortunada colaboración. Vén de vello a cooperación e a implicación da veciñanza no ser e no devir desta entidade cultural comarcal, feito que constitúe o cerne que aguilloa o quefacer dun museo creado para ser espello das súas xentes, como o mestre Rivière proclamou.
Agora unha iniciativa intelixente e feliz establece novas formas de complicidade entre o Museo e diversos actores sociais da comunidade. O encontro e a frutífera convivencia entre o Museo, a Asociación de Artesáns LIMIAR e a Asociación de Mulleres ARRACADA vai madurando e os cursos de artesanía impartidos dan os primeros froitos que os visitantes do Museo poden ollar e apalpar. Nestes cursos crúzanse saberes e tarefas tan distintas como a pintura, a cestaría e o bordado, e a creatividade da persoa que aprende atopa o seu contrapunto na trasmisión de destrezas e coñecementos daqueles e daquelas mestres de oficio que ensinan e establecen unha acción comunicativa manual, moral e emocional. O Museo ábrese aos abrazos entre uns corpos e uns materiais, e entre unhas mentes e unhas realidades imaxinadas. A mestría dun bordado requintado (Mercedes Véitez), dun cesto preciso (Sergio Moreno) e dunha pintura colorista e expresiva (Julia Márquez) reprodúcese, tomando corpo, nos traballos de aprendices ilusionados que se manifestan na exposición do Museo.
Paralelamente, os veciños da contorna, figuras identificadoras da paisaxe social, son observados para seren logo descritos con trazos que buscan (e encontran) as súas sigularidades no corpo e no xesto dunha identidade plástica. Isto faino con arte e con maña Manolo Traveso, esculcador da liña certeira. Esta Mostra paralela imaxina os protagonistas que transitan decote pola zona, todos ben coñecidos e algúns deles comprometidos en doada parcería coa vida do Museo.
O Museo da Limia refaise día a día e camiña con xeito e con teimosía para se converter nun verdadeiro museo comunitario: un foro da xente e para a xente.