Declaración institucional da Xunta de Galicia con motivo do Día da Muller, 8 de marzo

A Xunta de Galicia, con motivo do Día Internacional da Muller, que se conmemora o día 8 de marzo, quere reiterar un ano máis o seu firme compromiso na visibilización da muller en todas as esferas da sociedade así como recoñecer o seu liderado e contribución para acadar un mundo máis igualitario.

A Organización de Nacións Unidas (ONU) dedica o Día Internacional da Muller no ano 2021 á temática Mulleres líderes: Por un futuro igualitario no mundo da covid-19. Os últimos datos estatísticos publicados pola ONU sinalan que menos do 50% das mulleres en idade de traballar están no mercado laboral, unha cifra que case non mudou nos últimos 25 anos. Ademais as mulleres ocuparon só o 28% de postos de xerencia a nivel mundial no ano 2019, e só o 18% das empresas tiñan unha directora executiva no ano 2020. No relativo ás disciplinas STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas) as mulleres seguen estando infrarrepresentadas e constitúen pouco máis do 35% das persoas tituladas nestas áreas. Estas diverxencias de xénero son preocupantes posto que os estudos vinculados coas STEM son o motor da innovación e do benestar social, do crecemento inclusivo e do desenvolvemento sustentable.

AVANTAR ACTIVIDADES

A pesares de que se conseguiron moitos progresos na incorporación das mulleres ao mercado laboral, aínda quedan obstáculos. Lograr a igualdade de xénero e empoderar a todas as mulleres e nenas é un dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable de Nacións Unidas, aprobados en setembro de 2015 como parte da Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sustentable, e debe ser un obxectivo das políticas públicas. En consecuencia, é necesario adoptar normativas que impulsen e garantan activamente a igualdade.

Neste marco e nun ano tan complicado como o que acabamos de vivir, no que a crise sanitaria da covid-19 está poñendo a proba a toda a poboación mundial, as mulleres galegas están a desempeñar un papel crucial achegando o seu talento, traballo e liderado en sectores clave: como traballadoras dos ámbitos sanitario, científico e educativo; servizos sociais e ámbito asistencial; nos sectores da alimentación e transporte; innovan e dixitalizan pequenas e medianas empresas das que dependen economicamente moitas das familias galegas no rural e na cidade; asumen decisións en postos de responsabilidade e seguen a coidar de moitos dos nosos nenos, nenas e maiores. Este esforzo conxunto de todas as mulleres implica un antes e un despois na transformación da sociedade galega que ocasionou esta crise sanitaria e, co seu esforzo diario, estanse a sentar as bases para a recuperación da nosa economía e benestar.

Non obstante, a crise sanitaria tamén puxo de manifesto moitas das desigualdades que aínda persisten e nas que traballaremos día a día con énfase para conseguir superarlas: é preciso rematar coa fenda salarial e a discriminación da muller no mundo laboral, racionalizar horarios e fomentar o teletraballo para mellorar a conciliación e acadar un reparto equilibrado das tarefas domésticas aumentando a corresponsabilidade dos homes no fogar, incrementar a presenza das mulleres en postos directivos e de toma de decisións rompendo os teitos de cristal, así como incentivar o emprendemento feminino e o empoderamento de mulleres e nenas.

Aínda que nos últimos anos se acadou un gran avance na igualdade entre mulleres e homes, o Goberno galego é consciente de que no escenario actual queda aínda un longo camiño por percorrer. Non podemos esquecer neste día a todas as mulleres que perderon a súa vida polo feito de ser mulleres. Por elas, por todas, brindamos o maior apoio posible e os medios necesarios para mellorar a súa seguridade e axudalas a saír da situación de violencia que están a sufrir, dicindo alto e claro NON á violencia de xénero.

Conseguir a igualdade real e efectiva, superar os estereotipos de xénero, corrixir a desigual distribución dos roles na sociedade e eliminar os obstáculos que impiden ás mulleres o pleno desenvolvemento profesional e persoal son obxectivos e prioridades do Goberno galego, que requiren do compromiso e implicación de toda a sociedade, organizacións e institucións da nosa Comunidade.

O enfoque de xénero é un dos piares fundamentais que guía as políticas e accións deste Goberno e confiamos en seguir camiñando xuntos, con todas as galegas e galegos, nesta andaina cuxa meta é acadar unha sociedade igualitaria e sen discriminacións de ningún tipo porque sen mulleres non hai Galicia.