O Psdeg de Ourense considera “inadmisible” que 124 familias queden sen axuda para o comedor escolar e esixe que o concello publique unha convocatoria extraordinaria

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

“É incomprensible que, na situación de crise económica a nivel global que vivimos, o concelleiro de Asuntos Sociais, Telmo Ucha, non teña altura de miras para estar onde lle corresponde: a carón das familias”

Reivindican a necesidade de devolverlle á cidade os proxectos e investimentos que precisa urxentemente en materia social cun goberno que deixe atrás os desprezos do alcalde Jácome

Ourense, 30 de agosto de 2022. O PSdeG-PSOE considera “inadmisible” que 124 familias ourensás queden sen axuda para o comedor escolar este curso 2022-2023 e esixe que o Concello de Ourense publique unha convocatoria extraordinaria de xeito urxente. As e os socialistas denuncian que o Concello deixase “centos de solicitudes” excluídas sen sequera gastar a partida asignada e solicitan a modificación das bases, que tachan de “innecesariamente restritivas e desfasadas” en relación ás circunstancias actuais.

“É incomprensible que, na situación de crise económica a nivel global que vivimos, o concelleiro delegado de Asuntos Sociais, Telmo Ucha, non teña altura de miras para estar onde lle corresponde: a carón das familias”, lamentan dende o grupo municipal socialista. “Queremos que o edil da área nos explique como xustifica que, nun contexto económico como o actual e ás portas de setembro, un mes de elevadísimos gastos para as familias que teñen cativos escolarizados, se deneguen centos de axudas malia haber remanente orzamentario”, insisten.

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Así mesmo, tachan de “inaceptable” que se estean a rexeitar solicitudes nas que un dos requirimentos consiste en ter unha renda per cápita inferior a 3.700 euros anuais, motivo polo que se excluíron a meirande parte das solicitudes e que supón que toda familia que obteña máis de 308 euros ao mes queda automaticamente fóra.

Así as cousas, dende o grupo socialista reivindican a necesidade de devolverlle á cidade os proxectos e investimentos que necesita urxentemente en materia social cun novo goberno que deixe atrás os desprezos do alcalde Jácome, cuxas prioridades “non parecen ir máis aló da rúa Concordia” e a quen non lle importa “despilfarrar a mans cheas en staff mentres lles denega ás familias a axuda que precisan nestes tempos incertos”.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------