Espazo Común critica que a 6 días do comezo do curso escolar aínda non está adxudicado o servizo de conciliación.

NOTA INFORMATIVA DE ESPAZO COMÚN:

Nova calamidade do concello do carballiño na contratación do servizo do “bo día, familia”

AVANTAR ACTIVIDADES

O ínfimo orzamento destiñado polo goberno de Fumega leva a que as empresas máis importantes do sector non concurrisen.

A anterior adxudicataria, do Carballiño, e que levaba xa moito tempo en precario non repetirá.

O desastre do goberno do Carballiño e da xestión que fai no Concello semella unha serie interminable. Case cada día sae á luz unha nova barbaridade que perxudica de xeito notorio á veciñanza.

Poderíamos falar do Piscina Municipal, onde a adxudicación o último día antes da apertura levou a un desastre que propiciou infinidade de queixas dos usuarios polo servizo, polo estado das instalacións…

A limpeza viaria non se queda atrás, xa que Fumega decidiu privatizala completamente pagando 16.000 € mesuais a unha empresa para contar con só 4 varredores nas rúas.

A anulación da adxudicación do mantemento de zonas verdes por irregularidades no proceso que segue sen ser explicada por ninguén do goberno é outro escándalo de inmensas proporcións e consecuencias.

Podemos, tristemente, sumar un novo esperpento a esta xeira co servizo do “Bo día, Familia”, o da conciliación. Tan importante e tan comentada por todos e tan maltratada polo Concello do Carballiño nos últimos anos, ata o punto de permitir que case tódolos concellos da comarca teñan mellores prestacións, o que provoca unha incesante fuga de alumnos cara aos colexios da contorna. Así é que despois a Xunta anuncia peches de aulas en colexios do pobo.

A 6 días do comezo do curso escolar, o contrato está sen adxudicar. Con incomprensibles e imperdoables retrasos na publicación dos pregos, cando a empresa que o xestionaba xa levaba máis de 1 ano en precario e con aínda máis tardanza na súa resolución.

Capítulo aparte merece a importancia económica que lle dá o PSOE do Carballiño a este indispensable apartado.

A partida recollida nos orzamentos de 2022 e de 100.000 €, cantidade que advertimos en varias ocasións que sería insuficiente para ofertar un servizo en boas condicións.

Pois ben, o goberno carballiñés acordou licitar por unha cantidade aínda inferior (supoñemos que precisaran ise remanente para esculturas de pulpos e orquestras).

A licitación inicial é de 83.000 € máis o IVE do 10% co que sae que o Concello está disposto a pagar como máximo 91.000 € polo “Bó dia, Familia” e o “Divertiño” (programa de conciliación no período vacacional).

Para máis escarnio, hai que engadir que o criterio que máis se vai valorar para a adxudicación é o da oferta económica, é dicir a empresa que o faga máis barato ten máis opcións de gañar o concurso. Sen ter apenas en conta a calidade do servizo prestado e as posibles melloras para as familias usuarias.

En definitiva, un novo capítulo das calamidades do goberno de Fumega que semellan non ter fin e das que pagan as consecuencias os veciños diariamente.