Desde o BNG sinalan que con esta iniciativa o Concello de Barbadás tamén vería incrementados os seus ingresos, tal e como acontece en concellos de similar tamaño coma poden ser O Carballiño ou Verín
O Grupo municipal do BNG no Concello de Barbadás ven de rexistrar unha moción para debater no pleno que o Concello ten previsto celebrar este mesmo luns e no que solicitan fomentar o coñecemento dos comerciantes entre a cidadanía e informar debidamente á veciñanza da relación exacta de pequenos comerciantes existentes no concello.
A creación dunha liña de axudas directas e o incremento das existentes con cargo aos orzamentos do 2023 para o comercio local e de proximidade así como que o propio concello promova a creación de solo para a futura implantación dun Parque Industrial ou Comercial para que os comerciantes locais e outras empresas poidan instalarse e desenvolver alí a súa actividade son outras das reivindicacións dos nacionalistas.
E é que tal e como afirma o portavoz municipal do BNG Sarín Núñez, “Barbadás é un concello no que o pequeno comercio e de proximidade xogou e xoga un papel fundamental na xeración de riqueza e de emprego”, e engade, “contamos cun tecido comercial moi amplo e que abrangue a meirande parte dos sectores de actividade existentes. Un comercio que ofrece trato personalizado, confianza, competitividade nos prezos e produtos de primeira calidade”.
Segundo Núñez, “cómpre artellar medidas para tentar que o dinamismo comercial que se respira na Avda de Celanova, se transmita as demais rúas da Valenzá e por ende ao resto das parroquias”.
Co obxecto de incentivar dito comercio é polo que desde o BNG abogan pola creación de chan que permita “a concreción dun Parque Industrial ou Comercial, para o asentamento entre outros, do tecido comercial local. Xa que un comercio local vivo e dimámico, contribúe no económico e no social”.
“Fomentar o comercio de proximidade é unha das mellores maneiras de xerar riqueza, de humanizar as nosas parroquias e pular por seguir medrando poboacionalmente dun xeito acaído, polo que potenciar a nosa economía local e dar saída á produción galega adquire un carácter estratéxico nunha realidade e nun contexto económico e social coma o de Galiza, en xeral, e o de Barbadás en particular”.
Ademais e tal e como sinala o portavoz do BNG Sarín Núñez, “coa creación dun área comercial no que as empresas do concello puideran expandirse ou aumentar o seu negocio, alén da implantación doutras novas, o concello vería incrementados os seus ingresos, tal e como acontece en concellos da provincia de poboación similar coma pode se O Carballiño, Verín ou mesmo O Barco de Valdeorras”.
E é que segundo os datos, o Concello de O Carballiño, cunha poboación de 13.911 habitantes, conta cun orzamento de 10.863.000 euros o que supón 780.88 euros por veciño e veciña, ou o caso do Barco de Valdeorras, cunha poboación de 13.384 habitantes e un orzamento por habitante de 738,51 euros, son algúns exemplos que reflicten claramente que a existencia dun parque comercial permite o incremento dos ingresos municipais coma consecuencia do cobro de licenzas e impostos diversos consecuencia de dita actividade industrial e comercial.
No Concello de Barbadás que conta este ano cun orzamento que ascende a 7.025.000 euros, ou o que é o mesmo, un 1,92 % máis que o do ano anterior, esa cantidade podería verse incrementada, segundo o BNG, “de xeito notable de contar cun parque empresarial”.