A Deputación concede 674.000 euros en axudas para actividades deportivas, cultura, asociacións veciñais e concellos

IES CHAMOSO LAMAS

Máis da metade das achegas (346.245 euros) corresponden á resolución do concurso de axudas para clubs deportivos, que beneficiará a un cento de entidades da provincia

Ourense, 12 de setembro de 2022.- A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense, reunida esta mañá por vía telemática baixo a presidencia do vicepresidente primeiro, Rosendo Fernández, acordou conceder un total de 674.518 euros en axudas para actividades deportivas, asociacións veciñais, entidades culturais, educativas e comerciais, e concellos. 

OZOCOgz Deseño Galego

Máis da metade das achegas, cun importe de 346.245 euros, corresponden á resolución do concurso de axudas para clubs deportivos, que beneficiará a un cento de entidades da provincia nas que se practican ata unha trintena de disciplinas. Na mesma sesión tamén se resolveu o concurso de subvencións para gastos de investimento de asociacións veciñais, onde a Deputación distribuirá 40.000 euros entre 21 colectivos de dez concellos da provincia.

No capítulo de cooperación cos concellos, a Xunta de Goberno concedeu un total de 145.273 euros en achegas para proxectos e gastos de funcionamento. Desta contía, 9.000 euros son para a apertura do centro de interpretación Portas do Xurés de Calvos de Randín; 8.000 para a Festa do Maior de Castrelo de Miño; case 17.500 para unha senda fluvial en Cenlle; preto de 31.000 euros para cofinanciar xunto co IDAE un plan de eficiencia enerxética no alumeado público de Punxín; 30.000 para gastos de funcionamento dunha vivenda compartida en Xunqueira de Ambía; e 50.000 euros como achega para a actividade da mancomunidade de municipios de Ourense.

No referido a colaboración con entidades concedéronse 20.000 euros á agrupación folclórica Queixumes dos Pinos para gastos de funcionamento; idéntica finalidade que os 10.000 euros aprobados para a asociación cultural Xingros. O colectivo Escrita Creativa 1863 contará con 25.000 euros para bolsas de residencias literarias internacionais, mentres que a asociación provincial de agrupacións de voluntarios de Protección Civil recibirá 7.000 euros para colaborar nas xornadas de convivencia que celebran anualmente.

As subvencións aprobadas neste apartado complétanse con 10.000 euros para as actividades dos establecementos asociados do Ribeiro; 5.000 para as feiras do libro da Federación de Libreiros de Galicia; 26.000 euros para gastos de funcionamento da Fundación Carlos Casares; 31.000 euros para Sarabela Teatro con motivo da organización do Festival Internacional de Teatro de Ourense (FITO) e a Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense (MITEU); e 9.000 euros para a promoción e difusión do patrimonio cultural e natural de Ourense a través das actividades que organiza a Universidade de Vigo.