Operadores de Estados Unidos e Canadá participan nun fam trip para coñecer o “Camiño Termal” en Ourense

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Este programa de traballo está organizado pola European Historic Thermal Towns, presidida por Manuel Baltar, co apoio da European Travel Comission que se dedica a promover o “destino Europa” en mercados exteriores

Este grupo de maioristas de viaxes experimentarán parte do itinerario internacional da “Ruta Cultural Europea das Cidades Termais Históricas”, e tras coñecer enclaves termais de Portugal, visitarán a provincia de Ourense coa colaboración da Xunta de Galicia e o Xacobeo 21-22

A deputada provincial de Termalismo e a xerente do Inorde foron as encargadas de darlles hoxe a benvida ás empresas participantes neste “fam trip” acompañándoas no seu percorrido pola comarca de Monterrei

Ourense, 24 de setembro de 2022.-A deputada provincial de Termalismo, Ana Villarino e a xerente do Inorde, Emma González, recibiron aos operadores de Estados Unidos e Canadá que chegaron hoxe á provincia de Ourense no marco dunha viaxe de familiarización. Durante os días que dura este “fam trip”, do 21 ao 29 de setembro, as empresas maioristas de viaxes coñecerán o potencial turístico termal e patrimonial de diferentes territorios da Península Ibérica, concentrándose no caso de España na provincia galega de Ourense.

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Esta acción forma parte dun programa de traballo da European Historic Thermal Towns (EHTTA), presidida por Manuel Baltar, e da European Travel Comission que se dedica a promover o “destino Europa” nos mercados exteriores. Por elo, nesta ocasión, foron seleccionados profesionais do continente norteamericano para que coñezan o produto turístico termal vencellado ao patrimonio termal europeo e ao itinerario das Cidades Termais con Patrimonio Histórico. A axenda prevista para este “fam trip” na provincia de Ourense foi deseñada pola Deputación Provincial a través do Inorde coa colaboración da Xunta de Galicia e o Xacobeo 21-22, e prevé un programa con rutas que fusionan patrimonio, Camiño de Santiago, e enogastronomía combinado con termalismo.

As empresas participantes nesta viaxe de familiarización son: Avanti Destinations, Butterfield& Robinson, Protravel International, Blaycations e Sagres Vacation. Durante estes días de percorrido pola provincia de Ourense terán ocasión de coñecer ademais dos recursos termais e balnearios, grandes referentes patrimoniais vencellados ao Camiño coma a Fortaleza de Monterrei e o Mosteiro de Santa María a Real de Oseira. Tamén poderán experimentar produtos turísticos de calidade tanto en aloxamentos rurais coma en hoteis balneario. Desde o punto de vista do enoturismo, coñecerán o Museo do Viño de Galicia, sito en Ribadavia e degustarán a gastronomía baseada en produtos autóctonos. O programa conta tamén coa colaboración da Eurocidade Chaves-Verín, outro dos socios da mencionada asociación EHTTA. 

Respecto á posibilidade de establecer novas oportunidades de negocio, as empresas que ofrecen experiencias e servicios turísticos na provincia terán a oportunidade de contactar con estes operadores no Workshop previsto en Termatalia durante a sesión do día 29 de setembro. Os interesados poden remitir a súa solicitude ao enderezo turismo@inorde.com.

Esta actividade “forma parte desa estratexia de traballo coa que se pretende posicionar o noso destino a nivel global, aproveitando as redes internacionais da que forma parte a provincia de Ourense, como é o caso da EHTTA, presidida por Manuel Baltar, e que promove ese factor diferencial do termalismo do noso territorio combinado co resto dos recursos cabeceira da nosa marca turística “OU”, explicou a xerente do Inorde.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------