Manuel Baltar agradece ao equipo de O corpo aberto o “selo ourensán” dunha produción que se estrea hoxe na sección oficial do Festival de Cine

O presidente da Deputación mantivo no Marcos Valcárcel unha conversa coa directora da cinta, Ángeles Huerta; o produtor, Gaspar Broullón; e o actor Tamar Novas, aos que desexou moita sorte na presentación oficial desta produción, que contou co apoio da institución provincial

Manuel Baltar puxo en valor un dos fitos importantes desta edición do OUFF: a presentación mañá luns da Ourense Film Commission, unha iniciativa deseñada para impulsar a transformación da provincia nun inmenso plató de cinema

AVANTAR ACTIVIDADES

Gravada en Lobeira, Bande e Muíños, a película de Ángeles Huerta parte do conto titulado Lobosandaus, o primeiro dos dez relatos que integran o libro Arraianos de Xosé Lois Méndez Ferrín

Ourense, 25 de setembro de 2022.- O presidente da Deputación, Manuel Baltar, mantivo esta mañá no Centro Cultural Marcos Valcárcel un encontro cos integrantes do equipo da película O corpo aberto, que esta tarde, a partir das 19.00 horas nos Cines Pontevella, estréase na sección oficial da XXVII edición do Festival Internacional de Cine. Patrocinada pola Deputación, trátase dunha das dúas películas rodadas en Ourense que se presentan á concurso, xunto con O home e o can, proxectada durante a gala inaugural.

Manuel Baltar mantivo unha conversa coa directora da cinta, Ángeles Huerta; o produtor, Gaspar Broullón; e o actor Tamar Novas, aos que desexou moita sorte na presentación oficial desta produción. O presidente da Deputación agradeceu o “selo ourensán” impreso á película, pois segundo afirmou “responde perfectamente á estratexia de desenvolvemento do audiovisual no noso territorio”.

Neste sentido puxo en valor tamén un dos fitos importantes desta edición do OUFF: a presentación prevista para mañá luns, día 26, da Ourense Film Commission, unha iniciativa deseñada para impulsar a transformación da provincia nun inmenso plató de cinema. O obxectivo é apoiar ás producións galegas, nacionais e internacionais na loxística necesaria para desenvolver o seu traballo, promovendo ao mesmo tempo a difusión de Ourense.

O corpo aberto compite na sección oficial coa película O home e o can, de Ángel de la Cruz, escollida para a súa estrea na gala de apertura da presente edición do OUFF, festival que se pechará con outra produción rodada en Ourense, A mazá de ouro, de Jaime Chávarri, director que terá un particular protagonismo no certame xa que ecibira a Calpurnia de Honra e ofrecerá unha masterclass sobre dirección de actores e actrices. 

Unha historia de terror na “raia seca”

Enmarcada no xénero do terror, a película de Ángeles Huerta, producida por Ollovivo, Fasten Films e Cinemate, parte dun conto titulado Lobosandaus, o primeiro dos dez relatos que integran o libro Arraianos de Xosé Lois Méndez Ferrín. Gravada en Lobeira, Bande e Muíños, a historia da película sitúase en 1909, cando un profesor mozo, Miguel, vai destinado a Lobosandaus, un pequeno pobo de montaña na chamada “raia seca”, na fronteira ourensá entre España e Portugal. Unha aldea inhóspita e de tradicións ancestrais. Malia ser un home de razón, non é quen de controlar os seus desexos e paixóns, medrando a súa fascinación por unha enigmática muller chamada Dorinda.