Moción do Bng de Ribadavia ao pleno municipal de setembro

o Bng defende a protección do patrimonio industrial de Ribadavia

propomos a súa declaración como ben de interese cultural

AVANTAR ACTIVIDADES

A construción do ferrocarril a finais do século XIX impulsou na contorna da estación de tren de Ribadavia un complexo arquitectónico de inmenso valor para entender a industrialización no noso país.

Lamentablemente, boa parte da actividade fabril e de transporte xa desapareceu e o patrimonio herdado desas actividades atópase en moitos casos nun estado lamentable. Dende o BNG non nos resignamos á perda dos vestixios deste esplendor que Ribadavia viviu ao redor da estación do tren, a extracción de wolframio, a produción de electricidade ou a industria da madeira.

A preservación do patrimonio histórico e a explotación do seu potencial cultural, paisaxístico e turístico só son posibles se se atopan en condicións axeitadas de conservación e amparadas polas figuras legalmente previstas, por elo urxe a que se solicite a incoación como Bens de Interese Cultural do patrimonio industrial de Ribadavia, polo que propomos ao pleno municipal deste xoves 29 de setembro a adopción dos seguintes acordos:

1. Promover a redacción da documentación necesaria para a catalogación dos bens históricos a protexer como patrimonio industrial de Ribadavia, coa participación de persoal técnico municipal e de calquera outra administración, así como de persoeiros e asociacións interesadas en participar no proceso.

2. Iniciar por parte do Concello de Ribadavia do proceso de solicitude de incoación como bens e interese cultural do patrimonio industrial de Ribadavia, singularmente:

– A ponte ferroviaria de estilo Eiffel sobre o río Avia

– a estación de ferrocarril de Ribadavia xunto cos seus edificios anexos

–  a fábrica de luz do Avia

–  as chemineas e demais instalacións de valor histórico pertencentes ás industrias da madeira de Ribadavia

– construcións mineiras do monte Santa Marta

–  a cheminea da telleira da Groba

MOCIÓN POLA DECLARACIÓN DO PATRIMONIO INDUSTRIAL DE RIBADAVIA COMO BEN DE INTERESE CULTURAL 

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:

O patrimonio histórico é un dos activos máis importantes cos que conta Ribadavia para a súa promoción e desenvolvemento.

Actualmente están recoñecidos como bens de interese cultural o convento de San Domingos (protexido dende 1931), o conxunto histórico da vila de Ribadavia (1947) e a igrexa de San Xes de Francelos (1951)

A preservación do patrimonio histórico e a explotación do seu potencial cultural, paisaxístico e turístico só son posibles se se atopan en condicións axeitadas de conservación. A preservación do noso patrimonio ten que estar amparado polas figuras legalmente previstas a tal fin, de tal xeito que non se arruíne ou estrague irremediablemente.

Por todo elo é urxente protexer o noso rico patrimonio industrial, do que Ribadavia é tamén un senlleiro expoñente. Dende a construción do ferrocarril  configurouse na contorna da estación de tren de Ribadavia un complexo arquitectónico de inmenso valor para entender a industrialización no noso país.

Lamentablemente, boa parte da actividade fabril e de transporte que se xeraba xa desapareceu pero non nos podemos resignar ao esmorecemento do patrimonio xerado neste esplendor que Ribadavia viviu ao redor da estación do tren, a produción de electricidade ou a industria da madeira.

Por elo urxe a que se solicite a incoación como Bens de Interese Cultural da ponte ferroviaria sobre o Avia, a estación de ferrocarril de Ribadavia xunto cos seus edificios anexos, a fábrica de luz do Avia, as chemineas e demais instalacións de valor histórico pertencentes ás industrias da madeira de Ribadavia e a cheminea da telleira da Groba.

         Por estes motivos propomos ao  Pleno do Concello de Ribadavia a adopción dos seguintes

ACORDOS: