ABANCA e Afundación amosan na Pobra de Trives con «Fauna esencial» a beleza e fraxilidade da natureza

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

Últimos días para achegarse a esta exposición que retrata algunhas das especies máis significativas da Península Ibérica coma o oso pardo, a cegoña, o voitre leonado e a aguia imperial

É parte do proxecto «Corrente cultural» que propicia a colaboración entre ABANCA, Afundación e o Concello da Proba de Trives

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

21.08.2024. Ata o vindeiro 29 de agosto pode visitarse na sala de Exposicións do edificio Santa Leonor da Pobra de Trives a mostra de fotografías de gran formato «Fauna esencial», un percorrido pola beleza e a fraxilidade das especies máis representativas da nosa contorna natural. A exposición enmárcase no proxecto «Corriente cultural», en colaboración nesta ocasión co Concello da Pobra de Trives, que considera a arte como un instrumento imprescindible para fomentar o coñecemento e o desenvolvemento colectivo. Grazas a este proxecto, Afundación, a Obra Social de ABANCA, impulsa a capilaridade da cultura en Galicia, ampliando a oferta artística alén das súas sedes e trasladándoa ás vilas galegas para desenvolver tamén nelas as actividades da entidade.

Tamén se enmarca no programa social «Cultura por alimentos», organizado en colaboración coa Federación Española de Bancos de Alimentos, que anima o público visitante a realizar a súa visita achegando alimentos non perecedoiros, que serán destinados ao banco de alimentos local.

A EXPOSICIÓN «FAUNA ESENCIAL»

Afundación, a Obra Social de ABANCA, propón esta exposición como un chamamento á acción e á reflexión para por en valor a diversidade dos animais salvaxes, recoñecer a súa importancia para a sostibilidade do noso planeta e asumir a responsabilidade da súa conservación. Nun mundo cada vez máis consciente da necesidade de preservar o medio ambiente, «Fauna esencial» inspíranos a valorar e respectar as especies do noso medio, garantindo así un futuro máis harmonioso e equilibrado para todas as formas de vida na Terra.

A exposición «Fauna esencial» é unha viaxe enriquecedora pola diversidade da nosa fauna. Está formada por 28 fotografías de gran formato realizadas polo naturalista Ezequiel Martínez, fotógrafo especializado en retratos naturais que colabora con numerosas publicacións especializadas. As imaxes van acompañadas de textos explicativos que recollen as características biolóxicas, do seu hábitat, costumes, alimentación, distribución xeográfica e os perigos aos que se enfrontan para a súa supervivencia. Para a súa elaboración participaron especialistas do Centro Interactivo de Educación Ambiental de Afundación, Naturnova, que elaboraron unha información que comparte rigor e espírito divulgativo, accesible a todos os públicos.

Unha exposición con grandes retratos en primeiro plano dalgunhas das especies máis significativas da Península Ibérica coma o oso pardo, a cegoña, o voitre leonado, o gamo, o cervo, a curuxa e a aguia imperial.