O PsdeG acusa á Conselleira de medio ambiente de manterse alonxada na crise do lume

O portavoz de Medio Ambiente do Grupo Socialista, Pablo Arangüena, acusou hoxe á conselleira de Medio Ambiente de manterse “agochada, muda e invisible” mentres o lume “arrasaba a nosa rede de espazos naturais protexidos” nos incendios rexistrados este verán. Arangüena presentou unha interpelación no Pleno do Parlamento sobre o fracaso da prevención de incendios nos espazos protexidos.

O responsable socialista criticou que “a conselleira de Medio Ambiente estivo agochada mentres ardía gran parte dos espazos naturais protexidos de Galicia, que son a súa responsabilidade”, debido a unha política contra incendios que “prioriza a extinción en detrimento da prevención”. Dixo que “a xestión dos espazos naturais non pode consistir en deixar que ardan, do mesmo modo que a protección dos espazos naturais non pode consistir e pintalos nun papel”.

AVANTAR ACTIVIDADES

Arangüena alertou do forte impacto dos lumes deste verán os espazos protexidos de Galicia, que precisamente conta coa Rede Natura 2000 máis pequena do Estado, “cun 12 por cento da nosa superficie teoricamente protexida, fronte ao 27 por cento da media estatal”. Este ano arderon intensamente, dixo, tanto a zona Ancares – Courel e o Macizo Central ourensán, que abarcan case a metade da Rede Natura.

Dixo que “temos a rede de espazos protexidos máis pequena de España, a Comisión Europea di que o plan director da Rede Natura non cumpre os requisitos da Directiva Hábitats, e gran parte da superficie protexida arde mentres a conselleira estivo desaparecida”. Denunciou que o desleixo de Medio Ambiente chegou ao punto de que “houbo axentes medioambientais que pediron incorporarse ás labores de extinción pero non lles permitiron axudar”.

Atila e os hunos

O parlamentario socialista cualificou aos responsables de medio ambiente do goberno galego de “o equivalente en materia ecolóxica de Atila e os hunos: unha banda de estafadores ambientais, defraudadores verdes e falsificadores ecolóxicos”. Engadiu que “prevarican en materia ecolóxica porque omiten sistematicamente cumprir e facer cumprir a normativa medioambiental, e iso chámase prevaricación por omisión”.

Pablo Arangüena emprazou ao goberno galego a “cambiar a política de incendios e eviten que ardan durante os veráns a rede Natura e a que xa é a rede de espazos naturais protexidos máis pequena de España.

Denunciou a “opacidade e desinformación” da consellería, que a día de hoxe aínda non remitiu información oficial sobre as hectáreas das zonas protexidas que arderon este verán. Sen embargo, apuntou que o maior incendio rexistrado na historia de Galicia arrasou máis de 11.000 hectáreas do Courel, no parque do Invernadeiro estímase que arderon 7.000 hectáreas, e no parque do Xurés arderon outras 650 hectáreas, que se suman ás 50.000 calcinadas na última década.

O incendio de Valdeorras, engadiu, queimou 10.650 hectáreas que afectaron tamén ao parque natural de Enciña da Lastra, así como 10.000 hectáreas do macizo central ourensán, integrado na Rede Natura 2000 queimadas por un lume que chegou ás portas do Teixedal de Casaio. Sinalou que a perda de biodiversidade “foi enorme”, e alertou fronte ás consecuencias da chuvia sobre as zonas queimadas, que contaminan os ríos e degradan o solo.

Pablo Arangüena alertou de que “nin a conselleira, nin a directora xeral, nin o subdirector xeral de Espazos Naturais apareceron polo Parque Natural do Invernadeiro, que ademais é propiedade da Xunta”.

Contrastou ademais a postura do PSdeG diante da vaga de lumes coas críticas de Feijóo en 2006, cando fixo unha fotografía cunha mangueira de xardín e “utilizaba os falecidos nos lumes”. Subliñou que “ninguén do PSdeG usou ás vítimas contra o PP, igual que non fixemos ningún tipo de foto apagando lumes, porque no PSdeG temos a dignidade política da que carece por completo o señor Feijóo”.