Manuel Baltar defende e enxalza a “rendición de contas diaria ante os veciños”

O presidente da Deputación, Manuel Baltar, participou esta mañá no Opengov Leadership 2022, un encontro celebrado en Braga enfocado no goberno aberto e a transparencia. 

No evento, celebrado no Altice Forum de Braga, Manuel Baltar sinalou que a aposta pola transparencia da Deputación de Ourense “non é so unha obriga legal, se non unha actitude”, reivindicando o compromiso e todo traballo realizado neste eido durante os dez anos cumpridos como presidente do goberno provincial ourensá. 

AVANTAR ACTIVIDADES

O presidente da Deputación enmarcou a aposta pola transparencia en fitos como o plan de mandato, a carta de servizos ou a aprobación dos orzamentos anuais “antes que ningunha outra administración pública española”: “Somos autoesixentes e xogamos coas cartas cara arriba”. Tamén destacou a importancia do traballo en rede, fabricando sinerxías a través de entidades como Partenalia, a Asociación Europea de Cidades Históricas Termais ou a Cepli: “Hoxe en día, ou traballas en rede ou non traballas. Hoxe en día, ou estás suxeito á visión da cidadanía ou estás fóra. A rendición de contas diaria ante os veciños é a gran evolución da política nos últimos tempos”. 

A Deputación de Ourense é dende 2017 o goberno provincial máis transparente de España segundo un estudo de 189 indicadores que se vai actualizando. Un recoñecemento ao que en febreiro deste ano sumouse a designación de Manuel Baltar como o líder provincial máis transparente de España. “Este liderado en transparencia non é casualidade. Contamos cunha unidade de Transparencia dentro da administración que se ocupa de xeito diario do seguimento destas tarefas, propoñendo incluso novos indicadores”, sinalou Manuel Baltar, que destaca o compromiso implementado polo seu equipo de goberno nestes dez anos como algo ineludible: “Un goberno ten que ser transparente, se non non é un goberno. E creo que estamos acertando co camiño marcado pola Deputación de Ourense”. 

Transparencia no ámbito internacional

Despois da conferencia de Manuel Baltar, o Opengov Leadership 2022 -organizado pola Cámara Municipal de Braga, oGov System e Dyntra- programou esta mañá a mesa “Transparência na lusofonia e outras experiências internacionais”, pechando o encontro o parlamentario europeo Pedro Cegonho. Onte, na xornada anterior, despois da apertura do alcalde da Câmara Municipal de Braga, Ricardo Rio, celebráronse as mesas redondas “Sociedade civil, cidadâos e governo aberto”, “O mundo empresarial e a transparência”, “Transparência na administraçao pública” e “Transparência municipal: casos de êxito”.