O Concello do Carballiño acondicionará a rúa Saleta cun investimento de 182.000 euros

O plan de mellora das rúas do casco urbano do Carballiño terá continuidade coa intervención nun dos trazados da vila. O Concello acometerá o proxecto de <Acondicionamento de pavimentos na Rúa Saleta> e para desenvolver esta intervención contarase cun investimento de cerca de 182.000 euros: concretamente 181.869 euros. A actuación nesta vía pública, situada entre as rúas Juan Corral Pajariño e Rúa de Ribadavia, materializarase en base ao proxecto elaborado polo arquitecto municipal, Sergio Mascareñas Nogueiras. Segundo se recolle na memoria do técnico, o obxectivo do novo proxecto é <definir o trazado e características do acondicionamento dos pavimentos e a renovación da instalación de iluminación pública na rúa Saleta, continuación das actuacións realizadas anteriormente na citada vía pública do núcleo urbano do Carballiño>. A renovación que agora se acometerá servirá como remate do acondicionamento da referida vía pública.

En conxunto, actuarase nunha lonxitude total de 322 metros, sendo a reposición da base da calzada de 208,5 metros cadrados e a de rodadura da calzada de 2.910 metros cadrados. En total, serán 402,5 metros de bordes de formigón, 540 metros cadrados os de formigón impreso e 310 metros os da rede de iluminación.

AVANTAR ACTIVIDADES

Entre as actuacións previas inclúense accións como a retirada de peches de granito ou de postes e tea metálica, mesmo portais de acceso e cancelas, sitos en lindes de parcela cravados no terreo ou con cimentación pobre; retirada e traslado de postes existentes de tendidos aéreos, incluso reubicación de cableado. Pavimentos, asfalto, baldosas, bordes e soleiras de formigón serán demolidas e haberá unha limpeza a fondo da superficie sobre a que se vai actuar.

Os muros e cerramentos que se crearán serán en base a formigón armado ou de perpiaños de pedra granítica. Dotarase ao trazado de pavimento continuo de formigón impreso, con xuntas de 10 cm de espesor, para uso peonil. A base do firme crearase con macadam, con pedra de 32/62 mm, e o pavimento será de aglomerado asfáltico para tráfico medio en quente. A rúa contará con bordes de prefabricado de formigón.

No acondicionamento da Rúa Saleta tamén se contempla dotala dun novo alumeado que mellorará a vía pública e que estará dotado con novas luminarias e materiais que incidirán nunha mellor iluminación ao tempo que se aposta polo aforro enerxético. Para levar a cabo os traballos non se requerirá ningún tipo de expropiación.

O investimento para facer realidade o proxecto de acondicionamento da Rúa Saleta é de 181.869 euros e o prazo de execución da mesma será de catro meses.