Dende o grupo do PSdeG sinalan que manter pechado un lugar coas características deste inmoble supón un prexuízo tanto para as instalacións, como para a veciñanza e os turistas
Afirman, ademais, que a actitude do executivo local é “outra mostra máis do menosprezo” que amosan dende Democracia Orensana cara toda aquela actividade cultural que non implique “charangas e orquestras”
Ourense, 15 de setembro de 2024. As e os socialistas do Concello de Ourense consideran inaceptable a situación actual do Museo Municipal que, segundo confirmou o propio alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, a preguntas do PSdeG no pleno ordinario do mes de maio, continúa pechado á espera de converterse nun “museo do viño” para “comer, beber e pinchar”. Así mesmo, recordan que antes deste anuncio xa afirmara que o lugar se convertería nun museo do entroido e piden a reapertura do mesmo, como espazo de referencia que era, e que dende o equipo de goberno deixen de “frivolizar”.
Nesta liña, sinalan que nada novo soubo a oposición deste último uso que o rexedor quere dar a un espazo emblemático da cidade –que foi restaurado no ano 1985 respectando a fachada e estrutura dun edificio de construción renacentista do século XVI–. E afirman que a actitude do equipo de executivo local é “outra mostra máis do menosprezo” que amosan dende Democracia Orensana cara toda aquela actividade cultural que non implique “charangas e orquestras”.
As e os edis do PSdeG lembran tamén o anuncio realizado polo alcalde, uns meses atrás, de abrir unha cafetería dentro do Centro Cultural Ángel Valente, espazo que actualmente acolle algunhas das exposicións que deberían poder visitarse no outrora Museo Municipal. E sinalan que manter pechado un lugar coas características deste inmoble supón un prexuízo tanto para as instalacións, como para a veciñanza e os turistas que ven minguada, por outra banda, a oferta cultural dispoñible.
“O rexedor valeira por completo de contido un espazo que era sinal de identidade da historia e cultura de Ourense mentres fai ouvidos xordos ás demandas da oposición no Pleno, da cidadanía que esixe recuperar, alomenos, a actividade cultural que existía antes de que Jácome tivera o bastón de mando”, rematan.Haz clic para responder o reenviar.