Actualmente o Concello de Ourense non dispón do Plan xa que o existente caducou no ano 2021 polo que entenden necesario a súa aprobación para a definición e a orientación das políticas públicas municipais a levar a cabo neste ámbito
Ourense, 04 de outubro de 2022. Actualmente o Concello de Ourense non dispón dun Plan Estratéxico de subvencións na área de Cultura xa que o existente caducou no ano 2021. Por definición, un Plan estratéxico é o instrumento preceptivo e de carácter programático cuxo obxectivo fundamental é a definición e a orientación das políticas públicas municipais nunha materia ou área en concreto, no caso que nos ocupa a de Cultura.
De entre os principios do Plan están a igualdade, entendida como a non discriminación ou marxinación de cidadáns, administracións ou sectores. A solidariedade como expresión de xustiza social, a redistribución dos recursos de xeito equitativo, atendendo tamén á discriminación positiva de ser o caso. O fomento da iniciativa social, a transparencia na concesión de subvencións, a cooperación entre as distintas administracións así como a garantía do bo funcionamento a través da regulación dos requisitos, dos baremos, das competencias, dos mecanismos de participación e mesmo do control e da avaliación da subvención concedida.
Segundo o BNG, a través do Plan, todas as entidades do eido cultural mais tamén o tecido asociativo e veciñal coñecen pormenorizadamente cales son os procedementos e a documentación necesaria para optar ás axudas, as cantidades iniciais das mesmas e incluso, no caso das comisións de festas de cada un dos barrios e parroquias do concello, a cantidade que en base á súa poboación lles corresponde para a organización das súas celebracións.
Neste último caso, o Plan Estratéxico vixente até o 2021 establecía unha contía fixa para cada barrio ou parroquia en función á súa poboación. Deste xeito aqueles con até 1.000 habitantes tiñan asignados 700 euros, até 5.000 habitantes a asignación fixa era de 1.500 euros, a partir dos 5.000 habitantes 3.000 euros, con máis de 10.000 veciñas e veciños unha asignación de 6.000 euros e para aqueles barrios ou parroquias que superasen os 15.000 habitantes a cantidade fixa era de 15.000 euros.
Outro dos elementos a ter moi en conta para o BNG é que o Plan en vigor até 2021, incluía os concursos, perfectamente regrados para a elaboración da cartelaría abranguían desde o Entroido, até o concurso de pintura rápida pasando polos Maios, as Festas de Ourense, o Samaín, o Magosto, o premio Vicente Risco, o premio de Poesía Cidade de Ourense, o concurso de comparsas e carrozas do Entroido, o concurso de Coplas e Maios, ou o concurso de Beléns.
Falan os nacionalistas de celebracións de fonda tradición e sona e cuxa cartelaría non é cuestión menor xa que da conta da celebración en si e perdura ao longo do tempo supondo ademais un estímulo para as creadoras e creadores. Segundo o BNG cómpre evitar o ridículo do cartel anunciador das pasadas Festas de Ourense e no que se empregou un simple modelo, extraído dunha aplicación gratuíta sacada da internet.
Por estes motivos entre outros é polo que desde o Grupo Municipal do BNG no Concello de Ourense pedirán apoio ao resto da Corporación para instar ao Goberno local á redacción e aprobación do novo Plan Estratéxico de subvencións da Área de Cultura e para que o faga antes de que remate o presente ano 2022.