Carta aberta da Asociación Veciñal San Breixo de Seixalbo ao sr Alcalde de Ourense

Estimado Sr. Alcalde:

Ante de nada, aclaro que facemos esta carta “aberta” para que teñan tamén coñecemento os nosos veciños e veciñas da nosa posición como directiva veciñal, xa que a preocupación é máxima polas noticias que van aparecendo. Queremos facer esta aportación, logo de ser debatida na directiva veciñal que presido.

AVANTAR ACTIVIDADES

Temos moito interese en opinar e mesmo participar nas decisións que se adopten respecto dos Autobuses Urbanos de Ourense. Non é nada novo; a mediados da década dos sesenta, estando de alcalde David Ferrer Garrido se non me equivoco, as xentes de Seixalbo mobilizáronse para que o rural de Ourense gozara dun trasporte público digno, con frecuencias suficientes para que fose útil e atractivo. De aqueles “Cercanías” pasouse a un transporte urbano razoablemente aceptable. Non é casual que precisamente as dúas primeiras liñas (Liña 1  Seixalbo-Quintela e Liña 2 Seixalbo- Cudeiro) teñan orixe -ou final, segundo se mire- no límite Sur do concello. Por pura lóxica orográfica e das tradicionais liñas de comunicación. Pasaron varias corporacións municipais -e varios alcaldes, claro- desde aquela e sempre se foi mellorando en maior ou menor medida. Outra cousa é o parque móbil, pero isto é outra cuestión.

Non sería pois o momento de empeorar o mapa de liñas, paradas e frecuencias na época precisamente en que tanto falamos de mobilidade, accesibilidade, medio ambiente ou sosteñibilidade.

Quizais deberamos aclarar que as liñas non son de onde “nacen” senón de onde “pasan”, cargan e descargan. Por exemplo, a Liña 1 non está destinada para que a xente de Seixalbo vaia de paseo a Quintela, senón que unha persoa de Mariñamansa vaia ao Parque ou unha veciña do Posío vaia a coller o tren, por exemplo

Queremos opinar, pero non temos información suficiente para opinar, xa que son moitas as incertezas da proposta que se fai. Para que o transporte público sexa útil, eficaz e eficiente, debe ter presente, cando menos, tres variables: As liñas, as paradas e as frecuencias. Por exemplo, unha liña Cumial-Velle pode ser interesante, xa que cruza a cidade de punta a punta, pero con unha única parada intermedia, por exemplo, sería pouco útil. Ademais, se ten unha frecuencia cada oito horas sería ineficaz e con alta frecuencia, por exemplo, cada oito minutos, podería ser ineficiente por baixa ocupación. Por iso que gustaríanos ter máis información.

A proposta do concello reduce as CATRO LIÑAS actuais  (1 Seixalbo-Quintela, 2 Seixalbo-Cudeiro, 14 Cumial-O Viso e 33 Cumial-Quintela) que pasan de media cada 15 minutos por Seixalbo (incluídos os concesionarios, centro comercial, urbanización zona Eroski, tanatorio e o propio núcleo rural de Seixalbo) a DÚAS LIÑAS futuras  (14 Cumial-Velle e 15 Cumial-Velle B).

As catro liñas actuais están sendo operadas por CINCO vehículos, para lograr as frecuencias citadas (insisto, cada 15 minutos aproximadamente, como pode verse no cadro adxunto). Posiblemente poderían reorganizarse as frecuencias, reforzar liñas ou adaptar outras.

Polo tanto, a proposta do concello de reagrupar en dúas liñas non estaría mal sempre e cando as frecuencias se manteñan. As liñas actuais están deseñadas para unha duración de 30 minutos por traxecto, polo que un vehículo pode facer ambos traxectos (Ida e Volta) nunha hora, o que significan frecuencias de 30′ por traxecto. Estimando que o traxecto Cumial-Velle leve 45 minutos (50´con alta demanda) máis os tempos de descanso, estaríamos falando da necesidade de 7 ou 8 vehículos para manter as frecuencias actuais de 15/20 minutos en vez dos 5 vehículos actuais.

Eses dous ou tres vehículos a maiores deberían ser destinados a mellorar barrios de Ourense que hoxe están moi mal comunicados co transporte público. Existen outros “danos colaterais” como ter que facer transbordo para ir a estación intermodal, aos institutos ou ás áreas industriais e comerciais de Quintela, ou a supresión das parada no Centro de Saúde da Cuña ou no propio interior de Seixalbo.

A primeira noticia que temos, por fin,  das FRECUENCIAS aparece dun xeito “informal” no seu FB persoal, Sr. Alcalde, e non deixa de ser preocupante. A información é inexacta,  por que non é certo que Seixalbo teña 4 buses cada 90 minutos de forma desordenada, senón que ten catro autobuses por hora, un autobús cada 15/20 minutos como pode comprobarse no cadro. A mellor regra nemotécnica é saber que, en menos de 20′ pasa un autobús. É a oferta que fai vostede no seu facebook (gustaríanos que a proposta fose un pouco máis “formal”) sería un autobús regular cada media hora (isto so sería posible incrementando o número de vehículos de 5 a 7 pola lonxitude da liña proposta, o que non parece que vaia ser o caso.  Lembramos que cada autobús necesita dous condutores (un por turno).

Conclusión: Segundo as nosas contas, Seixalbo pasaría a ter autobús cada CORENTA E CINCO MINUTOS en vez de cada QUINCE ou VINTE MINUTOS, suprimindo a parada interior na vila, que non subiría ao Centro de Saúde, que obrigaría a transbordo para ír á Ponte (Institutos, Estación Intermodal de Autobuses e Ferrocarril) ou zona comercial de Quintela. E viceversa, claro.

Pois non melloramos. Empeoramos e, como pode comprender, a nosa opinión é DESFAVORABLE Á PROPOSTA que coñecemos.

En todo caso, agradecemos que teña aberto o foro para recibir opinións, co desexo de que sexan tomadas en consideración, e animamos a que se estuden posibles alternativas. Ben entendido que somos conscientes de que determinadas zonas teñen un servizo, que debería mellorarse, e nesa cuestión estamos de acordo co Sr. Alcalde.