O PSOE de Punxín critica a oposición do goberno para continuar as labores de excavación en Lás

O PSdeG-PSOE de Punxín denuncia que o grupo de goberno do Partido Popular oponse a unha iniciativa socialista na que lle solicitan ao Concello que inste á Xunta de Galicia a continuar coas labores de escavación no castro de Lás, a deixar de desmantelar os servizos que se viñan prestando e a realizar un mantemento adecuado do lugar. As concelleiras socialistas censuran a postura do alcalde, Manuel Vázquez Fernández, e do seu equipo de goberno e acúsanos de “mirar para outro lado”, namentres se descoida o patrimonio e se suprimen servizos básicos no municipio.

O Grupo Municipal Socialista levou ao último pleno da corporación municipal dúas iniciativas que tiñan por obxectivo “impulsar a mellora do municipio, ofrecendo unha mellor calidade de vida á veciñanza e traballar no coidado do patrimonio e dos recursos turísticos de Punxín”. O PP votou en contra de ambas propostas “amosando, unha vez máis, a falla de interese por Punxín, polos seus recursos e pola súa veciñanza”, afirman as concelleiras socialistas.

AVANTAR ACTIVIDADES

No relativo a moción na que o PSdeG-PSOE de Punxín pedía a continuación das escavacións no castro de Lás, a voceira socialistas, Lorena Peleteiro Vázquez, subliña que “nos últimos tempos, a Xunta de Galicia vén desmantelando os servizos que se viñan prestando no castro de Lás”. Unha situación, que en palabras da voceira socialista, “súmase ao total abandono por parte do goberno galego destas instalacións”, circunstancia que segundo Peleteiro “agrávase co silencio cómplice dos gobernos municipais de Punxín e San Amaro, que continúan calados e sen reclamar, o que é un dereito da nosa veciñanza e un deber da administración autonómica, como é realizar investimentos para o coidado, mellora e mantemento do noso patrimonio”.

Peleteiro Vázquez afirma que “non entendemos que tendo un dos castros máis grandes do noso país, cunha extensión aproximada de 10 hectáreas, e que debería ser un referente turístico da comarca, atopémonos co abandono e co desleixo e a oposición do goberno municipal”. A voceira socialista fai fincapé en que o PP “oponse a traballar para converter Las nun referente turístico e para rematar co desmantelamento e o abandono que está a sufrir nos últimos anos”.

Dende o PSOE de Punxín amosan a súa “decepción e tristeza” pola oposición do goberno municipal a esta iniciativa, e máis cando este ano, “cúmprense 100 anos do comezo das primeiras escavacións, dirixidas por aquel entón por Florentino López Cuevillas”. As e os socialistas tamén lembran que a día de hoxe “só se escavou un 15% do total da superficie do Castro”, motivo polo que consideran “moi importante” que se prosiga con estes traballos.

O PP tamén se opuxo a outra iniciativa socialista na que instaban ao Concello a realizar un plan de legalización e acondicionamento das diferentes fosas sépticas do municipio. As socialistas explican que no municipio “existen unha serie de fosas sépticas que se atopan en situación irregular, sen legalizar e con vertidos que van a diferentes ríos, regatos e terreos colindantes”. Neste senso, tamén destacan que o Concello de Punxín “carece dun plan de baleirado das mesmas, o que causa que non se realice a limpeza e o mantemento das mesmas, ata que están rebordando e a veciñanza alerta da situación”.