Organizado pola Deputación e o Concello de Ourense en colaboración coa Universidade de Vigo, elixirá esta tarde o mellor proxecto entre os participantes nunha iniciativa que busca dinamizar a cooperación transfronteiriza
Ourense, 15 de outubro de 2022.- A Escola Superior de Enxeñaría Informática do Campus de Ourense acolle este fin de semana, onte e hoxe, a fase final presencial do Hackathon – Laboratorio de Ideas e Innovación.
A iniciativa está organizada pola Deputación de Ourense e o Concello de Ourense en colaboración coa Universidade de Vigo, dentro do proxecto Emprende Makers, cofinanciado ao 75% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do Programa INTERREG V A ESPAÑA – PORTUGAL (POCTEP ) 2014-2020.
A convocatoria lanzouse o 12 de setembro no Campus de Ourense, prantexando dun xeito transfronteirizo o desenvolvemento de ideas innovadoras, buscando contribuír a dinamizar e fortalecer os lazos da Eurorrexión Galicia – Norte de Portugal, conxugando a tradición histórica coas necesidades do momento actual de aceleración na dixitalización, a sustentabilidade e a resiliencia.
55 participantes e 4 equipos semifinalistas
Neste reto participaron 55 participantes, tanto de España como de Portugal, agrupados nun total de 9 proxectos, dos cales 4 deles foron semifinalistas. Estes 4 proxectos son os que forman parte desta fase final, abarcando temas tan variados como a enoloxía, unha aplicación “responsable” para cumprir os obxectivos de desenvolvemento sostible aplicados ao turismo ou unha aplicación para viaxeiros.
Onte pola tarde comezou no Campus unha sesión de traballo continuada, que se prolonga esta mañá, cunha sesión de “mentoring” a partir das 10,00 horas. Despois, será quenda da presentación dos proxectos ante o xurado e o fallo desta primeira edición do Hackathon – Laboratorio de Ideas e Innovación.