O Samaín e os Magostos serán os protagonistas da Ruta das Tapas do Carballiño

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

O Concello do Carballiño e os hostaleiros da vila acordaron hai uns anos pór en marcha a Ruta das Tapas, unha iniciativa que sirve para maridar a gastronomía cos produtos de tempada e as festas tradicionais do ciclo anual. Unha actividade que se celebra entre o outono e a primavera, de outubro a novembro, e que propón citas os dous primeiros venres de mes.

Os concelleiros de Turismo e Cultura, Manuel Dacal e Diego Fernández, mantiveron unha xuntanza cos representantes do colectivo de hostaleiros que participan na Ruta das Tapas para organizar as primeiras citas desta proposta do ciclo anual carballiñés. As dúas primeiras xornadas da Ruta das Tapas serán os días 4 e 11 de novembro e estarán dedicadas as tradicións galegas do Samaín e os magostos. No primeiro dos casos a xornada chegará ademais con moitas actividades, entre as que destaca a Pasaxe do Terror que estará instalada na Pista Vermella. Será de balde e haberá sesións para o público infantil e adulto. No segundo, na cita do magosto, está previsto dinamizar a vila con animación musical.

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

Na xornada da Ruta das Tapas do día 4 de novembro contarase coa animación da charanga carballiñesa CLK, que percorrerá as rúas do pobo cunha indumentaria acorde coa celebración. No caso dos quince locais de hostalería que participan na ruta, as tapas estarán vencelladas coa temática do terror e estarán inspiradas en películas, referencias tradicionais como a Santa Compaña e aspectos semellantes.

Para a xornada o Concello do Carballiño ten previsto organizar un Venres de Terror onde o protagonismo será para a Pasaxe de Terror que se instalará na Pista Vermella. Será a primeira vez que se conte con esta actividade no pobo e as persoas que desexen poderán gozar dela totalmente de balde. Para os máis pequenos, de 6 a 11 anos, haberá sesións entre as 17.00 e as 19.00 horas. Para os maiores de 12 anos as sesións desenvolveranse entre ás 19.30 e as 23.00 horas. As entradas deberán reservarse na plataforma www.woutick.es

A Pasaxe de Terror correrá a cargo dunha compañía profesional e na Pista Vermella instalarase unha carpa para garantir a celebración da actividade en caso de chuvia.

 Na xornada da Ruta das Tapas do 11 de novembro o protagonismo será indiscutiblemente da festa tradicional do magosto e as tapas que se presentarán nos locais de hostalería estarán vencelladas ao magosto e aos produtos de outono. Como queira que son moitos os locais do pobo que traballan na organización da celebración do magosto, o Concello do Carballiño ten previsto dinamizar as xornadas dos días 10 e 11 de novembro con animación musical polas rúas do pobo.

A Rutas das Tapas, unha actividade que conta cunha importante participación e que se trata dunha proposta totalmente consolidada na oferta do Carballiño, terá continuidade nos próximos meses (coma sempre os dous primeiros venres de cada mes) con xornadas centradas en produtos de tempada, celebracións tradicionais, gastronomías de diferentes países e outras temáticas.