A mancomunidade do Carballiño organiza un obradoiro polo dia da muller

O Programa de Educación Familiar da Mancomunidade de Concellos do Carballiño informa da posta en marcha dun obradoiro durante a semana do 8 de marzo con motivo da conmemoración do 8M Día Internacional da Muller.

A igualdade de xénero debe ser traballada dende idades moi temperás e de forma transversal ó longo de toda a infancia. A maneira en que ofrezamos os xoguetes ós nenos e nenas, os contos ós que teñan acceso, a maneira en que nos dirixamos a eles, a forma en que se repartan as tarefas domésticas… todo é determinante no desenvolvemento persoal e de valores dende a perspectiva da igualdade de xénero. Isto permitirá previr o posible futuro desenvolvemento de condutas pouco adaptativas no ámbito familiar e social.

AVANTAR ACTIVIDADES

Co obxectivo de contribuír a esta tarefa da coeducación dende o Programa de Educación Familiar da Mancomunidade de Concellos do Carballiño levarase a cabo a actividade, cofinanciada polo Fondo Social Europeo, 8M Somos diferentes, somos iguais. En dita iniciativa, destinada a cativos de entre 3 e 12 anos de idade, farase entrega dun kit educativo-creativo para a realización dunha actividade en familia, contando coa colaboración dos C.E.I.P dos Concellos Mancomunados para a entrega, recollida e exposición dos traballos realizados. Do mesmo xeito, contaremos coa colaboración das familias para que acompañen, apoien e animen os/as cativos/as na súa realización.

A actividade levarase a cabo nos cinco concellos mancomunados: Beariz, Boborás, Irixo, San Amaro e Piñor; e, máis concretamente, nos centros educativos de cada un dos municipios e nos fogares de cada unha das familias. No caso do Concello de Piñor, as familias con cativos comprendidos entre os 3 e os 12 anos poderán acudir a recoller o seu kit da actividade nas dependencias municipais do 2 ó 5 de marzo en horario de 08:30H a 15:00H. Posteriormente, terán toda a semana do día 8 de marzo para facer entrega dos seus traballos tamén no propio Concello, onde se realizará unha exposición de todos eles.

Para máis información poden poñerse en contacto co Equipo Técnico do Programa de Educación Familiar da Mancomunidade de Concellos do Carballiño, a través do email pef.mancomunidadecarballino@gmail.com ou no teléfono 988274010.