A Deputación colabora co XIV Roteiro por Terras de Cortegada

Presentación do XIV roteiro por terras de Cortegada. Asisten
IES CHAMOSO LAMAS

Cortegada acolle este domingo, 30 de outubro, a XIV edición do Roteiro por Terras de Cortegada, unha andaina de dificultade media “plenamente consolidada e que permite seguir avanzando na dinamización turística deste concello a través dunha iniciativa que combina aposta polo territorio, deporte e fomento da vida saudable”, segundo resalta César Fernández, vicepresidente segundo da Deputación e responsable dos asuntos de cooperación cos concellos do Ribeiro. 

César Fernández reuniuse esta mañá no Pazo Provincial co alcalde de Cortegada, Avelino Luis de Francisco, e a concelleira de Servizos Sociais e Igualdade de Cortegada, Begoña Estévez, para abordar os detalles dunha proba que conta coa colaboración da Deputación. 

OZOCOgz Deseño Galego

O alcalde celebrou “organizar un ano máis este roteiro de Cortegada, e invito á xente a que nos visite porque a zona por onde pasa este roteiro é desfrutar da natureza e do paisaxe, sen dúbida é un plan moi fermoso para este domingo”. 

A edil Begoña Estévez tamén animou á participación nunha andaina que presenta dúas posibles rutas, unha longa de 18,3 quilómetros e outra curta de 13,850 quilómetros. A saída terá lugar ás 9.30 horas na praza do Campo de Feira. A longa, con saída do balneario, pasará por A Barca, Vao, Merés, Louredo, Soutelo con chegada en Cortegada. E a curta, con saída no propio balneario, pasará por A Barca, Vao, A Eirexa e Soutelo antes de chegar a Cortegada. 

O prezo da inscrición é de 10 euros e inclúe almorzo, agasallo, tres puntos de avituallamento, comida e bebida. Os interesados en participar poden inscribirse de xeito online ou nos establecementos Glotón, Intersport Bouso, Deportes Moncho e Redonet. O prazo para apuntarse remata o 27 de outubro, ata un máximo de 350 participantes. Todos os asistentes recibirán un agasallo conmemorativo e participarán en sorteos de agasallos.