O PP de Ribadavia acusa ó goberno local de xerar un desfase de 50.000 euros nas Festas do Portal

O grupo municipal do Partido Popular de Ribadavia denuncia que a nefasta xestión económica do goberno de Ribadavia ven de provocar un desfase orzamentario de case 50.000 € nas Festas do Portal 2022. Os populares sinalan que mentres a festa contaba cun orzamento de 65.000 €, a día de hoxe xa entraron polo rexistro municipal facturas por máis de 100.000 € en gastos da Festa do Portal.

Os populares consideran que este desfase económico existente no orzamento do Portal é unha proba máis da absoluta incapacidade de xestión do goberno municipal, que non é quen nin de cadrar a previsión de orzamento e de gastos dunha actividade concreta como é a Festa do Portal. Resulta paradóxico que o goberno de Ribadavia, no contexto económico no que nos atopamos, non teña ningún tipo de control sobre o gasto dos recursos públicos e sexa incapaz de axustarse ao orzamento previsto para unha actividade, un orzamento que ademais aprobaron eles mesmos. Todo isto amosa unha preocupante falta de previsión e unha alarmante incapacidade de xestión dos cartos públicos, xa que agora será necesario destinar unha importante cantidade de cartos a pagar este desfase orzamentario derivado da festa que non estaba previsto; uns cartos que deberían dedicarse a impulsar os sectores produtivos do concello ou a acometer obras e actuacións de mellora de diversas instalacións e infraestruturas municipais.

AVANTAR ACTIVIDADES

O que resulta aínda mais grave é que o goberno pretenda levar ao Pleno deste xoves, 27 de outubro, unha modificación de crédito que non permitirá pagar nin a metade do desvío orzamentario que se xerou coa nefasta xestión da Festa do Portal. A día de hoxe, a partida do orzamento municipal destinada ao pago da festa conta cun crédito dispoñible de 51.424,39€.

Se a ese crédito sumamos os 20.000€ que propón aumentar o goberno na modificación de crédito que queren levar ao Pleno, teremos unha dotación na partida de 71.424,39€, unha cantidade a todas luces insuficiente para pagar o desvío orzamentario existente xa que os gastos das Festas do Portal ascenden a máis de 100.000€. Ademais, este desfase orzamentario provoca que xa non existan recursos para levar a cabo outras actividades que se cargan sobre esta partida coma poden ser os magostos ou as actividades de Nadal.

Pero se xa de por si resulta grave este desvío orzamentario, resulta aínda máis preocupante que por parte do goberno municipal se tratase de enganar aos grupos da oposición nas comisións informativas dando, de viva voz e sen documento que as avalase, unhas contas falseadas nas que faltaban actividades e non se incluía o IVE das facturas para que a conta cadrase cos números da súa proposta de modificación de crédito. Unha actitude coa que pretendían ocultar o desvío orzamentario real que a súa nefasta xestión está a provocar.

Dende o Partido Popular de Ribadavia continuaremos a fiscalizar con moita atención a xestión económica do concello, por moito que o goberno pretenda enganar á oposición manipulando e ocultando información. Non pode ser que a falta de previsión, a incapacidade na xestión e o absoluto descontrol no gasto do actual goberno de PSOE e Ribeiro en Común hipoteque o futuro económico do Concello para próximas corporacións.