O BNG concéntrase de novo e esixe a concello e ADIF o cumprimento do convenio asinado para a execución das obras de mellora da permeabilidade no túnel de Ramón Puga e nos accesos a Tarascón

A formación nacionalista leva anos reivindicando a execución das obras e lembra que a día de hoxe existe un convenio asinado entre ambas administracións sen que haxa constancia na actualidade de que se teña avanzado nada na execución das obras

Ourense, 29 de outubro de 2022. O BNG levou a cabo na mañá deste sábado un acto reivindicativo nas inmediacións do túnel da rúa Ramón Puga, no barrio de Barrocás de Ourense. Tamén participaron decenas de veciñas e veciños da zona, quenes demandan a execución das obras previstas desde hai anos no túnel baixo as vías do tren que da acceso ao barrio.

AVANTAR ACTIVIDADES

Como ben lembran desde a formación nacionalista, en decembro de 2021, ADIF e o Concello de Ourense asinaron un convenio para a execución das obras de mellora da permeabilidade en ambas rúas.

No convenio recóllense ás obras a executar. Así, na rúa Ramón Puga, concretamente no punto quilométrico 244/881 da vía férrea Zamora – A Coruña, descríbese que o paso inferior existente baixo a vía férrea ten unha anchura moi reducida, o que provoca problemas de seguridade viaria tanto para os centos de vehículos que circulan por esa vía así como para os peóns, xa que non dispón de beirarrúas. O proxecto contempla a ampliación do paso inferior cun orzamento que ascende aos 709.224,22 euros IVE incluído.

A outra actuación prevista está na rúa Tarascón, para ser máis exactos no punto quilométrico 48/241 da liña férrea Monforte – Vigo. Neste caso, o paso elevado existente sobre a calzada non conta con beirarrúas e non é o suficientemente ancho como para permitir o paso de vehículos. O proxecto contempla a ampliación do devandito paso, obra orzamentada en 463.287,20 euros IVE incluído.

Estamos, segundo o Portavoz municipal e candidato á alcaldía Luís Seara, “diante dun investimento total que ascende a 1.172.511,42 euros, IVE incluído, e que tal e como figura no convenio asinado, será costeado ao 50% por ambas administracións, ou o que é o mesmo, 586.255,71 euros IVE incluído por parte de cada unha delas”.

Tamén lembran desde o Grupo municipal do BNG que, “dando cumprimento ao convenio, o oito de marzo de 2022, constituiuse no salón de Plenos do Concello, a Comisión de seguimento das obras, comisión formada por dous representantes de ADIF e dous representantes do Concello, naquela ocasión con presenza do propio rexedor Pérez Jácome”.

Trala constitución da comisión, ambas partes anunciaron públicamente que a licitación das obras estaba prevista para o mes de abril deste mesmo ano co obxectivo de que, realizada toda a tramitación administrativa necesaria, puideran comezar a súa execución este decembro e telas rematadas un ano despois, en decembro de 2023.

Desde entón, denuncia o BNG, “nada se sabe nin por parte do Goberno Local nin por parte do ADIF sendo, cada día que pasa, un día máis de perigo e risco de accidente en ambas zonas”.

O BNG recrimínalle ao Concello de Ourense, cofinanciador da obra e quen a día de hoxe si ten consignada a cantidade que lle corresponde, “que non se teña preocupado por esta cuestión e non teña esixido o cumprimento do convenio, e en consecuencia, impulsado a execución das obras á maior brevidade posible”.

O BNG anuncia que levará a execución do convenio ao Pleno municipal previsto para o vindeiro venres, catro de novembro.