A Deputación aproba 24 medidas para seguir avanzando na dinamización da provincia de Ourense

Debate sobre o estado da provincia na Deputación Ourense. Asisiten Fernández Gil (VicePresidente 2º); Placido Álvarez Dobaño (VicePresidente 3º); Jorge Pumar (Deputado PPOU); Luz Doporto Real (Deputado PPOU); Álvaro José Fernández López (Deputado PPOU); Consuelo Vispo Seara (Deputado PPOU); Patricia Torres Madureira (Deputado PPOU); Pablo Pérez Pérez (Deputado PPOU); Ana María Villarino Pardo (Deputado PPOU); Miguel Antonio Cid Álvarez (Deputado PPOU); Montserrat Lama Novoa (Grupo de Non Adscritos); Gonzalo Pérez Jácome (Deputado DO); Bernardo Varela López (Deputado BNG), Mónica Legaspi (Interventora Deputación Ourense) e Juan Marquina (Secretario Deputación Ourense).

O pleno do debate sobre o estado da provincia aprobou esta mañá un total de 24 medidas para seguir avanzando na dinamización de Ourense, dez delas a iniciativa do presidente provincial, Manuel Baltar, outras dez a proposta do grupo popular e tamén asinadas pola deputada non adscrita, Monserrat Lama, e outros 4 do BNG.

“Un debate de altura e un paquete de iniciativas aprobadas que marca a nosa autoesixencia política e persoal”, sinalou Manuel Baltar sobre un debate que cumpriu a súa oitava edición -a iniciativa, pioneira en España a nivel provincial, arrancou en 2014  e celébrase dende entón cada novembro a excepción de 2015, por estar na previa das eleccións xerais- convertida nun espazo transcendente de “análise, rendición de contas e deseño, entre todos, de políticas que redunden na mellora da calidade de vida dos veciños”, remarcou antes de lamentar a ausencia neste pleno, por cuarto ano consecutivo, do PSdeG: “Os seus escanos baleiros son a radiografía dun fracaso político”.

AVANTAR ACTIVIDADES

O presidente da Deputación realizou unha primeira intervención marcada pola análise da actual realidade socioeconómica da provincia de Ourense. “Este debate, o cuarto do mandato, merece luces largas e un balance da década”, remarcou Manuel Baltar antes de examinar os indicadores socioeconómicos  que marcan a realidade da provincia no actual contexto, marcado pola actual crise económica, a inflación e as consecuencias da guerra en Ucraína. 

Polo que respecta á capacidade de xerar riqueza e benestar na provincia de Ourense, explica Manuel Baltar, o PIB per cápita provincial pasou de 18.572 euros en 2012 a, segundo os últimos datos do INE -de 2019- a 23.430 euros. “O que supón un crecemento  do 26,2%, representando  o maior crecemento das catro provincias galegas neste período, superando en 4 puntos o crecemento do PIB per capita no conxunto de Galicia”.

Capacidade de xeración da riqueza, emprego mozo e feminino, cohesión social

Esta evolución da riqueza, explica Manuel Baltar, “tennos permitido reducir de forma significativa o diferencial do PIB/por habitante da nosa provincia con respecto á situación do mesmo indicador en Galicia e en España neste decenio”. Cunha evolución, detalla, “que nos permite aventurar que, de seguirse esta tendencia, en moi pouco tempo podamos ver como o PIB per cápita da nosa provincia supere o PIB per cápita medio de Galicia”.

Debate sobre o estado da provincia na Deputación Ourense. Asisiten Fernández Gil (VicePresidente 2º); Placido Álvarez Dobaño (VicePresidente 3º); Jorge Pumar (Deputado PPOU); Luz Doporto Real (Deputado PPOU); Álvaro José Fernández López (Deputado PPOU); Consuelo Vispo Seara (Deputado PPOU); Patricia Torres Madureira (Deputado PPOU); Pablo Pérez Pérez (Deputado PPOU); Ana María Villarino Pardo (Deputado PPOU); Miguel Antonio Cid Álvarez (Deputado PPOU); Montserrat Lama Novoa (Grupo de Non Adscritos); Gonzalo Pérez Jácome (Deputado DO); Bernardo Varela López (Deputado BNG), Mónica Legaspi (Interventora Deputación Ourense) e Juan Marquina (Secretario Deputación Ourense).

“A capacidade de xeración de riqueza que mostra o crecemento do PIB, ten o seu reflexo na evolución das cifras de emprego”, detalla Manuel Baltar: a EPA do terceiro trimestre deste ano, publicada fai una semana, cifra en 117.100 o número de ourensáns ocupados. “Un dato que si ben mostra unha leve desaceleración respecto ao mesmo período do ano anterior, supón un crecemento de case tres puntos e medio respecto aos 113.200 ocupados que había na provincia no mesmo período do ano 2012”. Un crecemento en ocupación “especialmente significativo se pomos o foco no emprego feminino, onde o aumento chega ata case os 10 puntos”, valora.

O presidente da Deputación tamén incidiu no seu discurso na “boa evolución da ocupación da poboación máis nova” -situándose por riba da taxa autonómica e con 14,5 puntos máis que no 2012-; e no descenso do paro, “reducíndose case a metade o numero de desempregados que tiñamos no ano 2012, e en case 10 puntos o numero de desempregados anterior ao inicio da pandemia”, e situándose a taxa de desemprego sobre poboación activa no 11,5%.

Manuel Baltar remarcou no seu discurso o avance en termos de benestar e cohesión social. Segundo os últimos datos da Enquisa Estrutural a Fogares publicada polo IGE, o ingreso medio mensual dos fogares ourensáns no ano 2020 (o último dispoñible) ten medrado nestes dez ano un 22,5%, 3 puntos máis que a media do ingreso medio por fogar no conxunto de Galicia. “Ourense é a única provincia galega que neste período ten logrado diminuír a taxa de risco de pobreza. Se ben a dita redución é de menos dun punto e queda moi lonxe de satisfacernos, é un acicate para ver que vamos na dirección correcta”.

O titular do goberno provincial pechou esta mañá a revisión aos principais indicadores socioeconómicos facendo referencia á situación demográfica de Ourense. Os datos provisionais de poboación a 1 de xaneiro do 2022 publicados polo INE fixan a poboación da provincia lixeiramente por riba dos 304.000 habitantes, o que representa unha cifra un 0,37% inferior á do ano anterior. “Ese decrecemento é o segundo menor dende o ano 2010, mostrando a serie de datos unha posible ralentización de dita perda poboacional”, sinala Manuel Baltar, que analiza “o progresivo acercamento das liñas que amosan a evolución do número de habitantes en Ourense coas de Galicia e o conxunto de España”.

Dixitalización da xestión municipal do ciclo de auga

Durante o debate, Manuel Baltar comunicou os detalles dun proxecto deseñado arredor da dixitalización da xestión municipal do ciclo da auga na provincia de Ourense. A iniciativa “OU-Intelixente: Provincia da Auga” será, explicou o presidente da Deputación, “pioneira na transformación da xestión da auga a nivel provincial e presentarase á convocatoria específica dos Fondos Next Generation asociada ao PERTE de dixitalización da auga”, convocatoria xa publicada, e cuxo prazo de presentación remata o 10 de febreiro de 2023.

As actuacións prioritarias contempladas por este proxecto, e no que xa se leva tempo traballando dende a Deputación de Ourense son: a implantación de contadores intelixentes domiciliarios para todos aqueles concellos ourensáns de menos de 20.000 habitantes que se adhiran á proposta; a instalación de contadores intelixentes en 120 puntos de entrega de auga aos sistemas de abastecemento dos concellos; a dixitalización de 124 instalacións de depuración para o control, en tempo real, tando da cantidade como da calidade do verquido ao medio; a dixitalización de 18 instalacións de abastecemento para o control en tempo real do funcionamento das plantas de tratamento de auga potable, así como das redes de distribución no Consorcio de Augas de Valdeorras.

O proxecto tamén abarca a creación do Centro Intelixente para a xestión provincial da auga- o AquaOU- “no que centralizaremos a xestión operativa de toda a información obtida en tempo real. Este centro pretende ser un espazo aberto á cidadanía no que transparentar e poñer en valor a importancia dunha axeitada xestión da auga no territorio”, segundo remarcou Manuel Baltar.

Este proxecto terá un orzamento de 11,11 millóns de euros, aspirando a conseguir unha subvención de 10 millóns de euros, o máximo posible nesta convocatoria. “Polo tanto a ambición e compromiso desta Deputación son máximos para aproveitar estes fondos e avanzar na xestión intelixente deste recurso estratéxico para a provincia de Ourense”, explicou Manuel Baltar, que avanzou que no caso “de ser aprobado polo Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico, a Deputación de Ourense cofinanciará a inversión necesaria para facilitar o acceso dos concellos a estas tecnoloxías, aos novos perfiles profesionais requiridos e aos novos servizos avanzados”.

O impacto deste proxecto, sinala, é “avanzar na xestión intelixente a nivel provincial dun recurso estratéxico como é a auga, podendo medir e evidenciar, de xeito pioneiro a nivel provincial, o impacto positivo na xestión da auga que exercen as novas tecnoloxías dixitais…un recurso que xa é clave para Ourense e que será crucial para adaptármonos aos xa visibles efectos do cambio climático”.

O AquaOU está deseñado para ir da man da innovación e manter vencellos con entidades como o Centro Integrado de Formación Profesional A Farixa, posibilitando o desenvolvemento de programas de formación específicos en materia de xestión de infraestruturas da auga e cubrindo así o déficit de perfiles profesionalizados e actualizados que requiran os servizos públicos, mellorando a empregabilidade dos ourensáns.

Dez medidas a iniciativa do presidente

Durante o debate e a iniciativa da presidencia, Manuel Baltar presentou ao pleno un conxunto de dez medidas a desenvolver nos ámbitos da xestión da auga, o traballo en rede, a formación, o turismo ou a cultura.  As propostas foron as seguintes:

Proxecto “OU-intelixente: provincia da auga”

  • Convocar a tódolos concellos da provincia, agás o da capital, a unha sesión explicativa do proxecto “OU-intelixente: provincia da auga” o día 17 de novembro ás 11,00 horas no Centro Cultural Marcos Valcárcel.

Reforzar o liderado estatal e europeo de Ourense no traballo en rede

  • A Comisión de Deputacións, Cabildos e Consellos Insulares da FEMP celebrará a súa reunión en Ourense o 6 de febreiro de 2023.
  • O Consello Político da Confederación Europea de Poderes Locais Intermedios celebrará a súa xuntanza en Ourense no mes de marzo de 2023.
  • A Fundación Democracia e Goberno Local organizará un seminario en Ourense no primeiro trimestre de 2023.

Potenciación do Campus de Ourense

  • Potenciar o Campus de Ourense con un centro tecnolóxico, dentro da nosa alianza coa Universidade de Vigo e a cooperación coa Xunta de Galicia.

FP de técnico superior en formación para a mobilidade sostible e segura

  • Reunión coa Asociación de Autoescolas de Ourense para apoiar a creación do ciclo superior de FP de Técnico Superior en formación para a mobilidade sostible e segura, que actualmente non existe en Galicia.

Plataforma virtual de Formación Provincial

  • Creación da Plataforma Virtual de Formación Provincial, para impartir formación e ensinanzas que a Deputación presta de xeito presencial. Os servizos, as escolas de Artes e Oficios, a Escola de Gaitas, as clases de actividade deportiva, as acción da sección de Formación…poderán estenderse aos concellos a través do formato virtual e poder atender máis alumnado e en todo o territorio provincial.

Avanzar no posicionamento internacional de Ourense no ámbito do turismo de congresos

  • Celebración en Ourense da 74ª Asemblea Xeral e do Congreso Científico Internacional da Federación Mundial de Termalismo e Climatoterapia (FEMTEC).
  • Celebración en Ourense do 13 Congreso Internacional das Asociacións de Amigos dos Camiños de Santiago “Unha mirada a Europa”, en abril de 2023.

Seguir consolidando a posición de Ourense na industria audiovisual despois dun 2022 histórico

  • Entrega en Ourense dos Premios Mestre Mateo en abril de 2023, froito do acordo coa Academia Galega do Audiovisual.
  • Consolidación da estratexia de patrocinio dos rodaxes apoiados na Ourense Film Commission, constatada a repercusión socioeconómica que ten o audiovisual sobre o territorio.

Visitas teatralizadas na provincia de Ourense

  • Visitas teatralizadas na provincia de Ourense para poñer en valor o noso patrimonio en época castrexa, na época romana, en mosteiros e igrexas, en pazos e casas grandes e en conxuntos etnográficos.

A identidade de Ourense

  • Publicación da primeira biografía de Basilio Álvarez, impulsada pola Deputación da man do seu autor, o profesor Miguel Cabo Villaverde.

40 anos do Carrabouxo

  • Celebrar os 40 anos da primeira viñeta do Carrabouxo da man do seu autor, Xosé Lois González, cunha exposición da súa obra no propio Pazo Provincial.

Propostas dos grupos políticos

As catorce propostas dos grupos políticos aprobadas polo pleno foron as seguintes:

Medio Ambiente

• Creación do servizo provincial de prevención e control nos servizos do ciclo hidráulico e dos residuos municipais. No marco das competencias de asistencia e cooperación xurídica, económica e técnica cos concellos da provincia, proponse a creación dun servizo provincial, que actuando por delegación e de xeito supramunicipal asuma as funcións municipais de prevención e control de servizos relacionados co medio ambiente, como os do ciclo da auga ou dos residuos municipais xestionados de modo directo polas administracións locais.

Termalismo

  • Dixitalización de “Ourense, a Provincia Termal”. Poder reservar ao momento, a calquera hora, un tratamento termal nun balneario de Ourense dende calquera punto de España e a través dun dispositivo móbil.

Servizos Sociais

•  Posta en marcha do Plan Provincial contra a Soidade non Desexada. A  Área de Benestar da Deputación de Ourense implantará no 2023 un Plan Provincial contra a Soidade non Desexada.

Servizos sociais municipais

  • Operatividade do SAF 091, conseguindo unha administración local máis eficiente. Conquerir o avance e homologación na xestión administrativa e operativa do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) municipal dos 91 concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes.

Sostibilidade

  • Creación da Oficina Provincial da Sostibilidade: Coa función de asesorar a empresas e familias na adopción de enerxías renovables nos seus fogares. Para aforrar combustible e mellorar o medio ambiente a través da enerxía solar ou a biomasa. Un punto de información para coñecelas opcións ou as convocatoria de axudas.

Cooperación

  • Ourense, Plataforma inmobiliaria do rural: Crear unha ligazón actualizada na web da Deputación con tódalas webs que os concellos da provincia de Ourense teñan para ofertar vivendas tanto para mercar como para alugar, reforzando a visión provincial neste eido.

Benestar

  • Programa de actividades interxeneracionais: Para reforzar a cohesión da nosa provincia, é necesario tecer un fío entre xeracións. Fronte aos riscos dunha sociedade que, pese a dispor de máis facilidades que nunca para conectarse, presenta importantes problemas de illamento e incomunicación, cómpre promover o intercambio de coñecementos, experiencias e visión entre mozos e maiores.

Infraestruturas

  • Plan de travesías accesibles, sostibles e seguras na rede provincial: Repavimentación para garantir a redución de emisións de CO2 provocadas polos deterioros estruturais e superficiais do pavimento -as fendas en rodadas, fochancas ou desintegracións incrementan ata un 9% as emisións de CO2-. Ademais, búscase a mellora da accesibilidade e seguridade nos itinerarios peonís e nos cruces de peóns, coa implantación de medidas de calmado de tráfico, como as zonas 30, pasos de peóns sobreelevados e redutores de velocidade.

Cultura

  • Ourensanía no Tempo: Posta en marcha dunha exposición itinerante que difunda a historia de Ourense, curiosidades e personalidades de tódolos ámbitos para afondar no noso orgullo de pertenza.

Igualdade

  • Proxecto “Nena e deporte”: Promoción da igualdade de xénero e prevención da brecha de xénero, utilizando como ferramenta o deporte. Programa online e actividades presenciais dirixidas a centros escolares e clubs deportivos de toda a provincia.

Transporte

  • A Deputación demanda da Xunta de Galicia e o Concello de Ourense establecer o sistema de buses necesario para en colaboración cos concellos da provincia interesados materializar un servizo integrado de transporte público. Que permita achegar as vantaxes do AVE ao resto dos concellos da provincia que o demanden, especialmente ós da área máis próxima á capitalidade e a estación da Gudiña. Así mesmo a Deputación comprométese cuns servizos ferroviarios dignos para esta provincia á par que demanda reabrir as estacións de tren clausuradas na provincia, como a de Ribadavia, A Rúa, e O Barco, así como a mellora e modernización da rede ferroviaria galega.

Reforzo dos cemiterios públicos

  • Esta Deputación establecerá unha liña de axudas económicas a concellos para axudar a adaptación dos cemiterios públicos municipais ás crenzas ideolóxicas e manifestacións culturais a respecto da morte, que cada día son máis diversas na sociedade ourensá.

Tarifa especial para o alumeado público

  • A Deputación demanda do Goberno central a creación dunha tarifa especial para o alumeado público dependente dos concellos tal como a que existía ata o ano 2009, por ser este un servizo público de primeira necesidade cuxo incremento está a fundir as economías locais e que so se xustificou daquelas na necesidade de manter os beneficios das grandes enerxéticas ante a caída do consumo.

Liñas de axudas aos concellos

  • A Deputación solicita do Goberno do Estado e da Xunta de Galicia o establecemento de liñas directas de axudas ós concellos, de Fondos Next Generation, para que todos os concellos teñan un mínimo de 100.000 euros de dotación, máis un complemento proporcional en función de criterios tales como poboación, dispersión poboacional e avellentamento.