Manuel Baltar aposta polo termalismo como “unha ferramenta clave na loita contra o reto demográfico”

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O presidente da Deputación de Ourense presidiu esta mañá en Vizela (Portugal) a primeira edición do Seminario de intercambio de experiencias no ámbito do termalismo, organizado polo Foro Termal do Eixo Atlántico

Na inauguración do encontro organizado polo Foro Termal -órgano que preside-, Manuel Baltar situou á Eurorrexión Galicia – Norte de Portugal como “o territorio co maior potencial termal de Europa”, afirmando que esta vantaxe competitiva fronte a outros territorios “debe ser o elemento vertebrador para o turismo de fronteira”

A xerente do Inorde, Emma González, presentou neste seminario o Plan de Sustentabilidade Turística en Ourense Termal, no espazo do programa dedicado a analizar a temática dos municipios e o termalismo

Vizela, 16 de novembro de 2022.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, presidiu esta mañá en Vizela (Portugal), o “I Seminario de intercambio de Experiencias no ámbito do Termalismo”, organizado polo Foro Termal do Eixo Atlántico. Na inauguración estivo acompañado polo presidente da Câmara Municipial de Vizela, Victor Hugo Salgado. 

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Na súa intervención nesta actividade do Foro Termal -órgano que preside-, Manuel Baltar definiu ao termalismo coma “unha ferramenta clave para os territorios na loita contra o reto demográfico, sobre todo, nos municipios rurais, onde debe servir como motor de desenvolvemento social e económico”.  Así mesmo, afirmou que a Eurorrexión Galicia – Norte de Portugal “conforma o territorio co maior potencial termal de Europa”, afirmando que esta vantaxe competitiva fronte a outros territorios “debe ser o elemento vertebrador para o turismo de fronteira”.

O presidente da Deputación de Ourense reivindicou o traballo realizado nos últimos tempos polo goberno provincial que, xunto ao indispensable traballo en rede -“do que hoxe estamos a dar boa conta del”, recalcou-, permitiunos posicionar a nosa provincia como un dos destinos termais de referencia en Europa, grazas tamén a formar parte desta e doutras organizacións internacionais que nos permiten intercambiar experiencias e coñecementos para continuar dando pasos conxuntamente no desenvolvemento termal dos nosos territorios”.

Neste primeiro seminario preténdese abordar, desde unha visión global, o turismo de saúde e termalismo en Europa, así como aspectos relacionados coa calidade e a estandarización mediante a norma ISO aplicada a centros termais e servizos de turismo de saúde. Ademais, de expoñer experiencias de desenvolvemento termal desde o punto de vista do municipalismo.

Esta iniciativa permitirá que “as boas prácticas e as estratexias que hoxe se compartiron evidencian que o turismo termal é, sen dúbida, non só unha fonte de saúde orientada á prevención, senón tamén unha ferramenta na loita contra o despoboamento, e un sector con demanda crecente entre os visitantes que buscan experiencias de calidade no noso destino de fronteira, e que están asociadas a un estilo de vida saudable”, explica Manuel Baltar.

Trala inauguración do seminario, Pedro Cantista, presidente da International Society of Medical Hydrology e da Sociedade portuguesa de hidroloxía médica de Portugal, ofreceu un relatorio sobre o turismo de saúde e o termalismo en Europa.

Mesas redondas

Despois da inauguración celebráronse dúas mesas redondas centradas en diferentes temáticas para abordar desde diferentes perspectivas e experiencias a situación actual do termalismo. A primeira delas centrouse na análise da “Norma ISO TC 228/WG2, Health Tourism Services”, na que interviñeron a directora de Formación do Instituto para a Calidade Turística Española (ICTE), Noelia Santos; e o secretario xeral da Asociación de Termas de Portugal e coordinador do CT144 – Servizos Termais, Joao Barbosa.

As últimas intervencións teóricas da xornada analizaron a cuestión dos municipios e o termalismo, moderada pola vicepresidenta da Câmara Municipal de Vizela, Agostinha Freitas, na que a xerente do Inorde, Emma González, presentou aos asistentes o Plan de Sustentabilidade Turística en Ourense Termal, compartindo mesa co representante da Deputación de Lugo, Pablo Rivera, quen expuxo “Lugotermal: O Envellecemento activo, unha oportunidade para o territorio”.

Foro Termal do Eixo Atlántico

O Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular é un organismo sen ánimo de lucro dedicado ó apoio de todas aquelas iniciativas que fomenten a cooperación transfronteiriza. Dentro deste organismo existe o Foro Termal, presidido por Manuel Baltar que, desde a súa constitución, creou a Guía Termal do Eixo Atlántico, un compendio dos recursos termais e turísticos de todos os municipios termais asociados. Son membros do Foro Termal: Amarante, Caldas de Reis, Carballo, Deputación de Lugo, Deputación de Ourense, Guimarães, Lugo, O Carballiño, Ourense, Ponteareas, Santa María da Feira, Terras de Bouro, Vila Pouca de Aguiar e Vizela. 

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------