O Psdeg de Pereiro oponse á subida do 8,9% na tarifa da auga aprobada polo goberno municipal do pp e esixe melloras para unha mellor xestión deste servizo

Os e as socialistas afirman que “levamos anos pedindo unha auditoría do ciclo integral da auga, co obxectivo de coñecer os costes reais do servizo de abastecemento de auga e a ganancia da concesionaria”

O voceiro do PSdeG-PSOE en Pereiro, Jorge Gutiérrez, explica que “hai unha diferencia do 70% entre o prezo de compra en alta pola empresa concesionaria, e a tarifa da auga da factura aos usuarios e usuarias, ademais dunha perda do 40% en relación a auga que compramos e a que realmente se consume”

AVANTAR ACTIVIDADES

Pereiro de Aguiar, 18 de novembro de 2022. O PSdeG-PSOE de Pereiro de Aguiar denuncia que a privatización, levada a cabo no 2015 polo goberno municipal do Partido Popular do servizo de abastecemento de auga, trae como consecuencia unha subida do 8,9% da tarifa, que repercutirá directamente nos veciños e veciñas, así como, aos negocios e empresas do municipio. Os e as socialistas explican que no último pleno municipal aprobouse a subida da tarifa, co voto en contra do PSOE, como xa van sendo habitual ao longo dos últimos anos, ao considerar que “non se está xestionando correctamente” un servizo público “esencial” a nivel municipal.

Dende o Grupo Municipal Socialista en Pereiro afirman que “levamos anos pedindo unha auditoría do ciclo integral da auga”, co obxectivo de coñecer os investimentos necesarios, detectar problemas existentes na rede de subministro, ter constancia dos costes reais do servizo e tamén da ganancia da empresa concesionaria, xa que aínda que é un servizo municipal, atópase privatizado. Neste senso, lembran tamén que “xa no seu día votamos en contra da privatización do servizo, porque considerábamos que non era o máis apropiado e quedaba fóra do mesmo o saneamento das augas residuais, que é deficitario e ten que asumilo o Concello”.

“Nas últimas datas tivemos acceso aos datos oficiais sobre os custes de compra da auga, canto cobra a empresa que a subministra e canta auga se subministra aos contadores, xa que en Pereiro temos unha circunstancia especial, porque o 97% da auga que se consume, comprámoslla a empresa concesionaria da Deputación de Ourense na ETAP de Melias e no polígono de San Cibrao”, explica o voceiro socialista, Jorge Gutiérrez. Tras consultar os datos, o PSdeG-PSOE de Pereiro de Aguiar puido comprobar que o importe medio da compra en alta de auga está establecido en 0,37 euros por metro cúbico, namentres que o prezo da tarifa que cobra a empresa e que se rexistra na factura é dunha media de 1,136 euros o metro cúbico. “Hai unha diferencia do 70% entre o prezo de compra e a tarifa da auga, por iso esiximos unha auditoría”, apunta o concelleiro socialista.

Unha circunstancia a que se suma que en Pereiro de Aguiar hai unha perda de auga do 40%, posto que se compran 762.350 metros cúbicos e se rexistra un consumo en contadores de 471.469. “Estamos pagando a auga que compramos máis cara, e tamén compramos preto do dobre de auga da que realmente consumimos”, afirma Gutiérrez. O voceiro municipal do PSdeG-PSOE de Pereiro de Aguiar tamén explica que a subida do 8,9% na tarifa da auga, aprobada polo goberno municipal, “débese a que no contrato asinado no seu momento coa empresa, estableceuse que subiría conforme ao IPC, o que provoca que o Concello non conxele o prezo nun momento de crise como o actual e esta subida vai repercutir directamente na cidadanía”.

Un contrato que tampouco reflicte a reposición da rede de subministro, ”obsoleta”, tan só o mantemento e conservación básico da rede, como as roturas, o que provoca que este contrato “teña un elevado custe para a cidadanía e que non sexa eficaz para a mellora do servizo”, apuntan os e as socialistas. Tamén sinalan que é necesaria unha mellora e ampliación dos depósitos de auga actuais “xa que en verán existen problemas de abastecemento debido a demanda actual, a pesar de que bombeamos auga directamente do río Miño, a través das estacións de bombeo de Melias e da Ponte do Milenio”. Unha circunstancia que para Jorge Gutiérrez “pon en evidencia que o problema non é que non haxa auga, senón que as infraestruturas son insuficientes para a nova poboación e fai falla un investimento, que obviamente a empresa non vai facer”.

Dende o ano 2008, o PSdeG-PSOE leva presentadas multitude de iniciativas nas que avoga por unha xestión “máis eficaz e eficiente” do servizo integral da auga, xa que consideran que require dunha “visión e consideración de conxunto, dende a súa captación ata a depuración das augas residuais xeradas, e reutilización”, tendo en conta o incremento de poboación do municipio, a ampliación do Parque Empresarial, o futuro parque acuático, ou outras novas necesidades nos próximos anos (turísticas, industriais, recreativas, parques…), así como o cumprimento dos obxectivos ambientais e protección das augas da normativa europea, co fin de alcanzar un bo estado dos ríos e encoros.