A CIG gaña as eleccións sindicais en Mercadona Ourense

As votacións celebradas onte en MERCADONA Ourense para a elección do comité de empresa, situou como claro vencedor ao sindicato nacionalista.

Con 147 votos obtidos, contra 63 de CCOO e 84 de UGT, a CIG obtivo seis representantes no colexio de especialistas, por tres de cada un dos outros sindicatos.

AVANTAR ACTIVIDADES

No colexio de técnicos, UGT logrou o único posto en disputa, impoñéndose a CCOO por 6 votos contra 1.

Convén sinalar que era a primeira vez que a CIG presentaba candidatura nesta empresa de supermercados, que durante moitos anos fixo todo o posible para que non tiveramos representación sindical. Foi precisamente esa obstinada obsesión da empresa de impedir a nosa presencia, a que valeu o apoio masivo do persoal, que, unha vez conseguida a presentación da candidatura, apostou por un cambio de 180º.

Desde a CIG só nos queda agradecer o apoio recibido e reafirmarnos no compromiso de non defraudar a todas as traballadoras e traballadores que fixeron posible este cambio. Asumimos o reto con entusiasmo.

Queremos felicitar a toda a nosa candidatura pola valentía demostrada e polo impecable traballo de información que fixeron roubándolle horas do seu descanso.

Agora só queda traballar e organizarse para unha mellor defensa dos intereses de todo o persoal de MERCADONA e dunhas condicións de traballo dignas.