Manuel Baltar: “Desde o Goberno Provincial temos claro que a lingua e a cultura son os alicerces da nosa identidade. Estamos e seguiremos estando con Álvaro Cunqueiro”

O presidente do goberno provincial participou esta mañá na celebración do 111 aniversario do nacemento do xenial escritor de Mondoñedo nun acto organizado pola Fundación Insua dos Poetas co respaldo da Deputación de Ourense, Xunta, Parlamento de Galicia e os concellos do Carballiño e Mondoñedo

Manuel Baltar resalta os vencellos do autor con Ourense e a necesidade desta homenaxe, coa instalación da primeira escultura adicada a Cunqueiro na provincia: “Grazas ao traballo de González Tosar e a maxia da Insua dos Poetas, Álvaro Cunqueiro volve hoxe creo que encantado á terra ourensá

AVANTAR ACTIVIDADES

O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, destaca o carácter universal de Cunqueiro e celebra a Insua dos Poetas, “espazo referente da lingua e a cultura galegas”

Ourense, 17 de decembro de 2022.- A Insua dos Poetas acolleu esta mañá a celebración do 111 aniversario do nacemento de Álvaro Cunqueiro, un acto organizado pola Fundación Insua dos Poetas co respaldo da Deputación de Ourense, Xunta de Galicia, Parlamento de Galicia, Concello do Carballiño e o Concello de Mondoñedo.

O presidente da Deputación, Manuel Baltar, participou no acto celebrado na Esgueva (Madarnás, O Carballiño) xunto ao presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda; o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices; o alcalde do Carballiño, Francisco Fumega; a tenente de alcalde de Mondoñedo, Elena Candia; César Cunqueiro -fillo do autor homenaxeado- e o propio presidente da Fundación Insua dos Poetas, Luis González Tosar. 

Na súa intervención, Manuel Baltar destacou os vencellos de Álvaro Cunqueiro con Ourense -con especial énfase coa súa relación cos galeguistas ourensáns- e reflexionou na necesidade deste “tardío homenaxe” polo autor: “Benvido sexa o xenio creativo de quen foi amigo cordial, nunca rival nin competidor doutro grande; Eduardo Blanco-Amor. Honrar sempre honra, aínda que sexa a destempo. Desde o Goberno Provincial temos claro que a lingua e a cultura son os alicerces da nosa identidade. Estamos e seguiremos estando con Álvaro Cunqueiro”. 

Para apoiar o seu descurso, Manuel Baltar citou varias referencias de Cunqueiro do arquivo de La Región, como un artigo de xuño de 1933 onde recollíase a intervención de Álvaro Cunqueiro na inauguración dunha exposición de Colmeiro no Liceo, “a primeira vez que os ourensáns tiveron ocasión de escoitar a Cunqueiro”. 

O presidente da Deputación tamén leu parte dunha entrevista do xornal ourensán de xullo dese mesmo ano na que o autor de Mondoñedo reflexionaba sobre os seus próximos pasos -“Soño con grandeza, quero escribir, non sei estar calado”, di Cunqueiro nesa entrevista- así como unha conferencia súa no Salón do Grupo Galeguista para terminar de resaltar os vencellos entre o escritor e Ourense: “Nesa conferencia, Cunqueiro defínese, insistindo, na cordialidade da creación. Di que o poeta non debe ser endexamais mestre, sempre aprendiz e que debe procurar o que a poesía verdadeiramente é. Na iconografía fotográfica da época non resulta difícil descubrir a un Cunqueiro espigado e sorrinte, cómodo e feliz de estar en Ourense”. 

“Pasados os anos, na década dos 60, precisamente cando La Región celebra os seus cincuenta anos, Cunqueiro volve a Ourense para recibir o premio convocado polo xornal. Esa querencia ourensá do ilustre mindoniense, por desgraza, no ten sido debidamente correspondida”, sinala Manual Baltar, que destaca a necesidade de homenaxear a Cunqueiro en Ourense coa instalación da primeira peza artística arredor da súa figura na provincia: “Grazas ó empeño e ó traballo de González Tosar e á maxia desta Insua dos Poetas, un espazo de cultura plural que ten o apoio da Deputación desde hai quince anos, Cunqueiro volve hoxe, creo que encantado á terra ourensá, coa súa obra magnificamente recreada polo xove talento de Tatiana Fírvida”.

Alfonso Rueda celebrou o carácter universal de Cunqueiro e a propia Insua dos Poetas como “referente da lingua e a cultura galega”

Na súa intervención, o presidente da Xunta subliñou que a homenaxe a Álvaro Cunqueiro na Insua dous Poetas reforza este espazo como “referente da lingua e a cultura galegas”. Alfonso Rueda quixo aproveitar ese aniversario para enxalzar a figura de Cunqueiro, “un clásico da literatura galega e que temos que reivindicar moito máis a quen foi un autor universal recoñecido polos mellores”. 

O presidente da Xunta exaltou tamén o traballo da fundación presidida por Luís González Tosar, a quen agradeceu este “Olimpo das letras galegas da man das figuras que contribuíron coa súa obra a engrandecer Galicia e a facer da súa lingua unha ferramenta de comunicación universal”.

Instalación dunha escultura alegórica da obra de Cunqueiro

Despois dos descursos institucionais, a xornada cunqueiriana proseguiu na Insua co desvelo da escultura realizada pola nova artista plástica Tatiana R. Fírvida (Boborás, 1995). Alegoría da obra de Álvaro Cunqueiro, é unha peza de aceiro inoxidable de 11,40 metros de ancho por 3,20 de alto titulada co verso cunqueirián “Ese alguén de meu que nunca volve…”. Esta é a primeira peza escultórica vencellada ao xenial escritor de Mondoñedo instalada na provincia de Ourense.

A primeira parte da homenaxe tamén contou co acompañamento musical da Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense, que estreou unha peza orixinal de Marco Foxo, “A Alborada da Insua dos Poetas” e pechou o desvelamento da escultura coa interpretación do Himno de Galicia e o Himno da provincia de Ourense. 

Na segunda parte do acto organizado pola Fundación Insua dos Poetas interveu César Cunqueiro, fillo do escritor e proxectou un vídeo. A continuación tivo lugar o recital do cantautor Amancio Prada cunha selección de poemas de Álvaro Cunqueiro.

A instalación de Álvaro Cunqueiro na Insua dous Poetas -onde xa están presentes grandes da literatura galega como Rosalía de Castro, Curros Enríquez, Ramón Cabanillas, Castelao, Risco, Blanco-Amor, Celso Emilio Ferreiro, Dora e Pura Vázquez ou Casares- rematou cunha degustación de polbo ó estilo Carballiño, pan do Irixo e viño do Ribeiro, produtos de excelencia gabados no seu día por Álvaro Cunqueiro.

Un escritor referencial na literatura contemporánea

Álvaro Cunqueiro Mora (Mondoñedo, 1911 – Vigo, 1981) está considerado pola crítica como un dos verdadeiros mestres das letras do país, cunha obra que o sitúa coma referente tanto da literatura galega como da literatura española do século XX.

Novelista, poeta, dramaturgo, xornalista, tradutor e gastrónomo -co seu fundamental ensaio “A cociña galega”-, a figura de Álvaro Cunqueiro é tan poliédrica como a súa obra. Vangardista, neotrobador e, sobre todo, un xenial narrador que deixou obras mestras como “Merlín e familia”, “As crónicas do sochantre”, “Se o vello Simbad volvese ás illas”, ou “Un hombre que se parecía a Orestes”. Esa asombrosa capacidade narrativa de Cunqueiro queda condensada tamén en escolmas de relatos como “Escola de menciñeiros”, “Xente de aquí e de acolá” ou “Os outros feirantes”.