O parlamento aproba por unanimidade a proposta socialista para pedirlle á Xunta que cumpra coa execución do concerto social e garanta a viabilidade das entidades sociais sen ánimo de lucro

Marina Ortega chama a “blindar” a atención ás persoas con discapacidade, menores e adultos en risco de exclusión social

Santiago de Compostela, 21 de decembro de 2022. O Pleno do Parlamento aprobou hoxe por unanimidade unha Proposición non de Lei presentada polo Grupo Socialista para reclamarlle á Xunta que poña en marcha o novo Concerto Social cumprindo co decreto de 2020 que desenvolve o réxime de concertos sociais en Galicia. Ortega presentou onte esta proposición non de Lei, que foi votada e aprobada hoxe.

AVANTAR ACTIVIDADES

Ortega reclamoulle á Xunta que cumpra coa súa obriga para garantir a viabilidade das entidades sociais sen ánimo de lucro, que están a prestar atención a unha poboación especialmente sensible asumindo unha competencia que lle corresponde ao goberno galego.

Alertou de que a Xunta incumpriu os prazos para poñer en marcha o novo Concerto Social, que tiña como límite o pasado mes de xullo, como figuraba no seu propio decreto. Engadiu que “así como se lle esixe á cidadanía adherirse aos prazos para calquera xestión, o goberno galego non debera de estar por riba dos cidadáns”.

Pediulle á Xunta que “se volva sentar coas entidades” para desbloquear a situación e “chegar a acordos que permitan a sustentabilidade económica das organizacións”, e que poidan a continuación participar do deseño dos pregos de condicións que deberan constituír o marco regulatorio do novo modelo de prestación de servizos a persoas con discapacidade en Galicia”.

Dixo que ao incumprir o seu propio decreto, o goberno galego “pon en perigo a propia supervivencia das entidades sociais que ofrecen atención a persoas con discapacidade, tamén menores e adultos en risco de exclusión social, que son competencia do goberno galego, que delega nestas entidades”. Esixiu “respecto” polas familias das persoas con discapacidade e urxiu a “responder con transparencia” ás súas demandas.

Texto da iniciativa aprobada hoxe:

-“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a que a través da Consellería de Política Social garantan a execución do Concerto Social en base a garantir a viabilidade das entidades e do labor coas persoas con discapacidade”.