A Deputación colabora co concerto solidario infantil organizado por CIE Galfor a favor de Cruz Vermella

A recadación do espectáculo “Bravas, o rexurdir da luz”, ao que asistirán por invitación as familias dos traballadores da empresa, ten como obxectivo contribuír ao proxecto “Infancia Hospitalizada”

Ourense, 21 de decembro de 2022.- Esta mañá presentouse o concerto solidario infantil organizado e patrocinado pola empresa CIE Galfor e que terá lugar mañá xoves no Teatro Principal, a partir das 18,30 horas, coa colaboración da Deputación de Ourense -que cede o espazo cultural- e asistencia por invitación. 

AVANTAR ACTIVIDADES

A presentación do espectáculo “Bravas, o rexurdir da luz”, da compañía Gramola Gominola, contou coa presenza do vicepresidente segundo da Deputación, César Fernández; o presidente provincial da Cruz Vermella, Felipe Ferreiro; a coordinadora provincial de Xuventude de Cruz Vermella, Raquel Castro; a directora do Teatro Principal, Olga Mojón; e Yolanda Álvarez e Manuel Ribao por parte de CIE Galfor.  

Apoio a Cruz Vermella Ourense

Este evento solidario para as familias dos traballadores da empresa ten como obxectivo contribuír ao proxecto “Infancia Hospitalizada”, implementado no CHUO pola Cruz Vermella.

Segundo resaltan dende Cruz Vermella Ourense, “o diagnóstico dunha enfermidade para os nenos e nenas conleva unha serie de desaxustes sociais, familiares, emocionais e educativos. O ingreso hospitalario supón entón un proceso de adaptación a un medio que para o neno ou nena é estraño: interaccionando nun espazo distinto, con normas, horarios e persoas diferentes”. Por iso, explican, “é fundamental incidir no seu desenvolvemento persoal a través de actividades ou actuacións enfocadas a crear un clima agradable e distendido mentres permanece a tratamento ingresado no complexo hospitalario”.

A actividades lúdicas implementadas a través de “Infancia Hospitalizada” teñen lugar na aula hospitalaria e inclúen animación, manualidades e expresión artística, xogos de mesa, videoxogos, realidade aumentada ou dramatización.