Ribeiro en Común denuncia que Ribadavia está sen servizo de Pediatría.

Unha situación inadmisible que xa fora advertida por Ribeiro en Común como algo que podía suceder.

O Pleno Municipal de novembro aprobara reclamarlle ao SERGAS o reforzo do servizo.
Ribadavia 23 de decembro 2022.

AVANTAR ACTIVIDADES

Non só non se reforzou o servizo, senón que hoxe puidemos comprobar como non había ningunha Pediatra no Centro de Saúde de Ribadavia,  mesmo anulando citas confirmadas previamente, algo inadmisible.
A única resposta do SERGAS é que atenda aos nenos un médico non pediatra ou que as familias acudan a Ourense. Pero isto non é a solución para a maioría de pais e nais.

A Moción de Ribeiro en Común, que fora aprobada pola unanimidade do Pleno, pedía reclamar o reforzo do servizo de Pediatría de Ribadavia. 

Desde Ribeiro en Común vénonos obrigados a denunciar está grave situación e volver reclamar que o SERGAS reforce o noso Centro de Saúde.

Recordamos que a pesar de que todos os grupos votaron a favor da Moción para o reforzo do servizo de Pediatría en Ribadavia, xa daquela o portavoz do PP abstívose de intervir no Pleno e declinou opinar sobre a situación expresada.

Esixímoslle agora ao PP de César Fernández que se posicione do lado de Ribadavia e non do seu partido.

Neste momento aínda non se informou das causas que provocaron o peche do servizo, pero todo indica que se trata de baixas sen cubrir.

En Ribadavia temos un moi bo servizo e con magnificas profesionais.

No servizo de pediatría, igual que nos demais servizos médicos do noso ambulatorio, non se cobren as baixas de médicos, nin as súas vacacións e días libre. O que ocasiona, non poucas veces, a acumulación de pacientes e a sobre carga nas nosas profesionais, redundando nun menoscabo dos dereitos laborais básicos e no empeoramento do servizo.  

– O servizo de pediatría de Ribadavia non se presta unicamente á poboación do noso municipio, senón que todos os concellos da comarca están sen pediatra, o que supón na área de traballo do servizo unha carga de traballo que supera os límites municipais. Polo que os nenos e nenas que atenden non son só do noso municipio senón de todos os concellos da comarca do Ribeiro.  

A única solución á situación do servizo de Pediatría en Ribadavia pasa por ser reforzado coa contratación de máis pediatras.  

Estamos a falar da atención sanitaria aos membros máis pequenos e máis queridos de todas as familias, o que debera supoñer unha atención prioritaria por parte das Administracións titulares.  

Reiteramos os seguintes acordos aprobados en Pleno: 

QUE O SERGAS REFORCE O SERVIZO DE PEDIATRÍA COA CONTRATACIÓN DE MÁIS PEDIATRAS. 

– Establecer un servizo coas dúas pediatras a tempo completo. 

– Cubrir vacacións, baixas e días libres de todos os médicos do Centro de Saúde de Ribadavia. 

– Estudar a posibilidade de implementar un servizo de urxencias pediátricas no PAC de RIBADAVIA- O RIBEIRO, incluíndo as fin de semana e festivos. 

Este acordo trasladouse en novembro á xerencia do SERGAS de Ourense e aos Servizos Centrais do SERGAS e da XUNTA en Compostela, polo que non é de recibo que desde entón a situación aínda fora a peor chegando a non haber pediatra en Ribadavia.

Desde Ribeiro en Común pedímoslle ás familias afectadas que rexistren reclamacións no propio Centro de Saúde dirixidas ao Xerente provincial Félix Ruibal e ao Conselleiro,  co obxectivo de que non continúen negando un grave problema que urxe unha solución inmediata.