As Novas Xeracións do PP inician na cidade a campaña “Que Ourense Queres?”, para coñecer as inquedanzas e necesidades da mocidade

As ideas e suxestións recollidas “serán analizadas e valoradas para estudar a súa incorporación como achegas ao programa electoral da candidatura que encabezará Manuel Cabezas”, afirmou o presidente da agrupación local, Manuel Novoa

·  A xuventude poderá formular as súas achegas nas mesas que se instalarán nos barrios de Mariñamansa, A Ponte, O Couto e centro, comezando o próximo día 3 na Biblioteca Nós

AVANTAR ACTIVIDADES

28, decembro, 2022. A agrupación local da organización xuvenil do Partido Popular, Novas Xeracións, porá en marcha no mes de xaneiro a campaña “Que Ourense Queres”, co obxectivo de coñecer as inquedanzas e necesidades da mocidade que reside na capital. Ideas e suxestións “que serán analizadas e valoradas para estudar a súa incorporación como achegas ao programa electoral da candidatura que encabezará Manuel Cabezas”, afirmou o presidente da agrupación, Manuel Novoa.

Con esta iniciativa, destacou Novoa, “queremos ofrecer ás mozas e mozos unha oportunidade para participar activamente na transformación da cidade”. Unha sinxela pregunta, engadiu “que nos permitirá recompilar as súas propostas e converternos no seu altofalante para contribuír a mellorar o futuro de Ourense”.

Baixo o lema “A túa idea, a túa cidade”, a campaña consistirá na instalación de mesas en distintos barrios da capital, onde a mocidade poderá escribir as súas suxestións en pósit que, á súa vez, serán colocados nun mural.

O calendario previsto para esta actividade comeza o día 3 de xaneiro coa instalación da primeira das mesas na Biblioteca Nós, continuando no barrio de Mariñamansa o día 14; A Ponte (21); O Couto (28); e na rúa do Paseo o día 4 de febreiro.