Manuel Baltar celebra a creación no Campus do Instituto de Agroecoloxía e Alimentación, “unha nova panca de desenrolo para Ourense”

Este instituto universitario nace co obxectivo final de converter a Galicia nun referente europeo en agroecoloxía e alimentación

O presidente da Deputación felicita á comunidade universitaria polo seu “traballo a prol de Ourense” e remarca a importancia de “seguir sumando pezas na estratexia que xa ten convertido a esta provincia nun actor importante no eido da investigación e a innovación”, tamén con novas iniciativas no Campus como o Instituto Universitario de Física e Ciencias Aeroespaciais 

AVANTAR ACTIVIDADES

O Instituto de Agroecoloxía e Alimentación contará con 17 liñas de investigación e 24 investigadores garantes e promotores. Entre as súas prioridades estará a saúde e calidade do solo; a xestión e valorización de subprodutos; e a xestión e manexo de cultivos e calidade e seguridade dos alimentos

Ourense, 29 de decembro de 2022.- O presidente da Deputación, Manuel Baltar, celebra a futura creación no Campus de Ourense do Instituto de Agroecoloxía e Alimentación, “unha nova panca de desenrolo para Ourense”, resalta o titular do goberno provincial, e que recibiu onte a luz verde na sesión plenaria do Consello Social da Universidade de Vigo despois de ser anteriormente aprobado no Claustro e no Consello de Goberno universitario.

Este novo instituto universitario nace coa vocación de vocación de converterse nunha referencia na promoción, a través da I+D+i, da transición cara a sistemas agroalimentarios máis resilientes, sostibles e seguros. O seu obxectivo final é “converter a Galicia nun referente europeo en agroecoloxía e alimentación”, segundo resaltan dende a propia UVigo. 

Manuel Baltar felicita á comunidade universitaria polo seu traballo a prol de Ourense e destaca a importancia de “seguir sumando pezas na estratexia que xa ten convertido a esta provincia nun actor importante no eido da investigación e a innovación”, valorando ademais que a posta en marcha deste Instituto de Agrocoloxía e Alimentación no Campus de Ourense súmase ao recentemente creado Instituto Universitario de Física e Ciencias Aeroespaciais. “Dous novos eixos de desenrolo do Campus e que, sen dúbida, suporán importantes axentes dinamizadores para o territorio”. 

O presidente da Deputación pon en valor as dinámicas de traballo implementadas a través da colaboración entre o goberno provincial e a Universidade de Vigo, “sempre co obxectivo de sumar novos froitos para aumentar a visibilidade do territorio, gañar servizos públicos, reunir talento e acadar novas repercusións positivas para Ourense”. 

“Como xa referendamos na última reunión mantida co reitor da Universidade de Vigo”, lembra Manuel Baltar, “é necesario seguir avanzando nesta alianza, cos axentes públicos traballando en perfecta coordinación interadministrativa para sumar no futuro proxectos que sigan a senda marcada por estes dous novos institutos universitarios, o Centro de Innovación da FP ‘Eduardo Barreiros’ ou o Centro Galego de Ciberseguridade”. 

Manuel Reigosa define o Instituto de Agrocoloxía e Alimentación como “unha ferramenta moi importante para o Campus de Ourense”

Pola súa banda, o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, definiu durante a sesión plenaria do Consello Social a este Instituto de Agroecoloxía e Alimentación coma “unha ferramenta moi importante para o Campus de Ourense, que será moi importante para a investigación tanto do ámbito agrícola como alimentario que se fai no campus de Ourense e que nos coloca entre as 75 mellores universidades do mundo”. O reitor destacou que este instituto será ademais unha das patas do futuro Agro Food Tech Lab, que “é un laboratorio de investigación ibérico que está xa asinado polas partes no anterior cumio ibérico de España e Portugal”.

Este instituto contará con 17 liñas de investigación e 24 investigadores garantes e promotores. Entre as súas prioridades estará a saúde e calidade do solo; a xestión e valorización de subprodutos; e a xestión e manexo de cultivos e calidade e seguridade dos alimentos. Trala ratificación de onte, explican dende a Uvigo, o seguinte paso será a celebración da primeira reunión da xunta directiva deste instituto para que empece a funcionar.