O Psdeg-Psoe alerta da falta de planificación e información por parte do concello de Ourense a tres días da data límite para a implantación da zona de baixas emisións na cidade

Lembran que a Lei de Cambio Climático e Transición Enerxética, aprobada en maio de 2021, establece a obriga de creación destas zonas para as cidades de máis de 50.000 habitantes “antes de 2023”

Dende o grupo socialista advirten de que a cidade volve correr o risco de perder importantes e cuantiosas subvencións por parte do Estado para o establecemento das ZBE se o Concello non cumpre cos prazos

AVANTAR ACTIVIDADES

Ourense, 29 de decembro de 2022. O PSdeG-PSOE de Ourense alerta da “total falta de planificación e información” por parte do Concello de Ourense a escasos días da data límite para a implantación da zona de baixas emisións (ZBE), unha figura recollida na Lei de Cambio Climático e Transición Enerxética aprobada en maio de 2021, que establece a obriga de creación destas áreas naquelas cidades de máis de 50.000 habitantes “antes de 2023”, co obxectivo de pacificar o tráfico rodado e camiñar cara a un modelo de cidade menos contaminante.

“A día de hoxe, cando quedan menos de tres días para que remate o ano, sospeitamos que o goberno local non fixo absolutamente nada, malia as reiteradas peticións de información en xuntas de área por parte da oposición”, denunciou o concelleiro socialista Wilson Jones, quen subliñou que Jácome non pode escusarse na falta de indicacións claras por parte do Goberno de España posto que “xa en novembro de 2021 o executivo central e a FEMP publicaron unha guía na que se establecían claramente cales eran as medidas que había que implantar no eido da administración local”.

Así e todo, “o goberno municipal non ten feito un proxecto para delimitar cales van ser esas zonas de baixas emisións, nin un estudo sobre cal é o impacto social e económico da implantación das mesmas, nin tampouco sobre as posibles sancións”, denunciou o socialista. “E o que é peor, non ten feito un plan de comunicación e sensibilización da cidadanía”, algo que as e os socialistas tachan de “gravísimo” posto que “o resto de cidades galegas xa están traballando e ultimando estes aspectos”.

Risco de perda da subvención

Dende o grupo socialista advirten de que a cidade volve correr o risco de perder importantes e cuantiosas subvencións por parte do Estado para o establecemento das ZBE se o Concello non respecta e cumpre os prazos establecidos.

“En agosto de 2021 o Goberno central aprobou as bases para a obtención de axudas da Unión Europea co obxectivo de cofinanciar a creacion das zonas de baixas emisións”, lembrou Jones. “A Coruña acadou xa 5 millóns de euros, e Lugo ten concedidas importantes partidas económicas, mentres que de momento en Ourense non hai aprobada ningún tipo de adxudicación”, exemplificou.

“Este goberno parece especialista en perder subvencións públicas: xa perdemos a da praza de abastos por incumprir os prazos, acaban de denegarnos as axudas do Mitma para o autobús urbano por ter débedas coa Seguridade Social e agora corremos o risco de perder subvencións para o establecemento das ZBE”, incidiu o concelleiro Jones, ao tempo que lamentou que o alcalde estea máis ocupado dando pregóns que facendo os deberes que lle corresponden.

“Jácome está a durmir nos laureis”

Neste sentido, a concelleira Juana Ageitos acusou ao alcalde Jácome de “estar a durmir nos laureis” e salientou que “todos queremos divertirnos e as festas están moi ben, pero se debe perder a vista do realmente importante”.

Por último, a edil socialista reiterou a necesidade de obter información clara e precisa sobre a inminente implantación da zona de baixas emisións e neste sentido asegurou que a cidadanía atópase desnortada: “a piques de que remate o ano, todas e todos queremos coñecer que zonas van ser as afectadas, que vehículos poden circular por elas e os que non, así como os dispositivos de control que se van establecer”.