O Psdeg-Psoe reclama que a Xunta e o concello impulsen a “gran transformación” da rúa progreso para devolverlle a dignidade e adaptala ás necesidades actuais de mobilidade

Levarán unha moción ao pleno municipal de xaneiro para esixir unha “reforma integral e ambiciosa”, que inclúa beirarrúas amplas, espazo segregado para vehículos eléctricos ou luminaria eficiente

“A Xunta de Galicia leva anos mirando cara a outro lado cando se trata de Ourense, e esta histórica rúa é un exemplo flagrante”, denuncian, ao tempo que anuncian que rexistrarán unha iniciativa no Parlamento

AVANTAR ACTIVIDADES

Ourense, 30 de decembro de 2022. O PSdeG-PSOE de Ourense vén de presentar unha iniciativa que defenderá no vindeiro pleno municipal do mes de xaneiro de 2023, coa que reclama que a Xunta de Galicia e o Concello impulsen a “gran transformación” da rúa Progreso a través dun proxecto “imprescindible e ambicioso” que permita devolverlle a esta vía de titularidade autonómica a dignidade, despois de “décadas deteriorada e estancada no tempo” polo desleixo dos gobernos autonómico e municipal.

Dende o grupo socialista defenden que a reforma integral desta emblemática arteria suporía tamén unha oportunidade para adaptala ás necesidades actuais de mobilidade, humanizando o seu trazado e concedendo maior protagonismo ás alternativas de mobilidade sostible que, no último lustro, están a implantarse na maioría de cidades europeas.

“Progreso é unha das rúas historicamente máis significativas da nosa cidade, un eixo comercial estrutural e vertebrador de Ourense, que hai dous séculos foi un tramo de paso da estrada Vigo-Madrid por Villacastín, polo que, literalmente, trouxo o progreso a esta cidade”, detallou a voceira, Natalia González.

“Estamos a falar dun vial de referencia que conta con 1,3 km de lonxitude nos que alberga algúns dos espazos máis emblemáticos da nosa cidade, como son o mercado de abastos, o Pazo Episcopal, o Xardín do Posío ou as Burgas” abundou, ao tempo que lamentou o declive e evidente deterioro desta noutrora puxante rúa, “máxime cando a  Xunta de Galicia nunca fixo nada por acometer a gran transformación que precisa”.

Neste sentido, a deputada no Parlamento de Galicia, Carmen R. Dacosta, denunciou que o goberno autonómico “leva anos mirando cara a outro lado cando se trata de Ourense, e esta histórica rúa é un exemplo flagrante”, ao tempo que anunciou que dende o grupo socialista parlamentario rexistrarán unha iniciativa para solicitar que a Xunta se comprometa a acometer a reforma integral en consonancia coas directrices estipuladas no plan para a mellora da calidade ambiental, a mobilidade, a pacificación do tráfico e a integración da bicicleta no casco urbano, ‘Móvete por Ourense’.

Nova configuración e mobilidade sostible

No texto da moción, as e os socialistas advirten dunha serie de circunstancias negativas que converteron esta avenida “nunha autoestrada urbana en troques dun eixo central de mobilidade global”, entre os que citan “a actual configuración da rúa”, que impide realizar traxectos peonís en condicións plenas de confortabilidade, debido ao reducido tamaño das beirarrúas, ou a “elevada velocidade media do tráfico rodado e a ausencia de plataforma reservada”, que dificultan a circulación en bicicleta e noutros dispositivos eléctricos.

Así as cousas, dende o grupo socialista consideran que “xa é hora de que a Xunta de Galicia e o Concello de Ourense dean un paso á fronte para devolver a dignidade a esta rúa, situando Progreso no lugar que merece: ser a columna vertebral da nosa cidade”.

Para acometer esta ambiciosa reforma, dende o grupo socialista reclaman que, da actual configuración entre a praza de Alférez Provisional e o Xardín do Posío, se evolucione cara a unha rúa con maiores beirarrúas, dous carrís para o tráfico rodado ­–un por sentido­– e un espazo especial para autobuses, taxis, ambulancias, bicicletas e outros dispositivos eléctricos.

Pola súa banda, sinalan que o treito entre Alférez Provisional e a praza de Concepción Arenal debería contar cun carril para tráfico rodado de sentido único e unha plataforma para autobuses, taxis, ambulancias, bicicletas e outros dispositivos eléctricos, ademais de beirarrúas amplas.

Participación e diálogo construtivo

No texto da moción, as e os socialistas fan fincapé na importancia de crear un grupo de traballo conformado polo Concello de Ourense, a Xunta de Galicia e as persoas físicas ou xurídicas interesadas ou afectadas pola reforma da rúa Progreso, que se encargaría de dar a coñecer os obxectivos xerais da iniciativa e no que se escoitarían as achegas destas persoas físicas ou xurídicas co fin de enriquecer o proxecto, xa que a reforma dunha rúa adoita ser un proceso complexo, que require da participación activa e do diálogo construtivo.