Espazo Común pide un Plan de Prevención de zonas inundables

O Grupo Municipal de Espazo Común vén de rexistrar unha moción para o seu debate no pleno deste mes de xaneiro para que dende o Concello do Carballiño se elabore un Plan de Prevención e Arranxo de Zonas Inundables. O texto no que xustifican a súa petición é o seguinte:

“Non son poucas as áreas do pobo que quedaron moi afectadas despois das derradeiras choivas e, como podemos comprobar, os danos e os perigos son cada vez maiores.

AVANTAR ACTIVIDADES

Resulta moi chamativo o afundimento da rúa Alberte Vilanova (a carón do Centro de Saúde) pero a situación de rúas coma Aquilino Sánchez, o túnel que une Testeiro con 25 de xullo ou a Avenida do Balneario non é moito mellor.

Un deficiente mantemento, obras que só tapan baixo o asfalto os problemas sen resolvelos e moitos outros sendo ignorados durante anos, só levan consigo que a situación lonxe de mellorar sexa cada vez máis complexa.

Ver aos servizos de emerxencia desbordados en canto as precipitacións exceden un chisco do normal xa é costume sen que, ata o de agora se fixera nada por resolvelo.

Faise, por conseguinte, imperativo tomar medidas. Polo que para comezar, popoñemos a elaboración dun plan que permita recoller tódolos puntos negros e un estudo pormenorizado de cada un deles para detallar nun cronograma o seu arranxo”.