A corporación do concello do Carballiño reunirase mañá en sesión plenaria, a correspondente a este mes. Dará comezo ás 09:30 horas e poderán seguila en directo a través desta canle.
O principal punto da orde do día serán as ordenanzas fiscais para o 2023, é dicir, os impostos e taxas para a veciñanza. Segundo afirmou o alcalde do Carballiño, Francisco Fumega, o goberno local seguirá apostando pola súa conxelación, destacando ademais o canon da auga, polo que van apostar por unha suba do 2% en lugar do 10% que rexe o incremento do IPC.
O grupo de goberno tamén levará a aprobación dunha modificación de crédito que ascende a 500.000 euros para a execución de diversos proxectos.
En canto ó control da oposición, no pleno de mañá levaranse a debate dúas mocións de Espazo Común. Na primeira dela piden a recuperación do Mosteiro e do Castro de Lobás.
Na segunda delas, a mellora da atención sanitaria no Carballiño. Aseguran que nos últimos tempos levan recibido queixas polo funcionamento no centro de saúde, para o que piden o apoio do resto de grupos esixindo ó Sergas cubrir prazas e reforzar o persoal. E complementan esta moción pedindo que se garanta que o novo centro de saúde cumpra cas necesidades do municipio.