A Deputación contribúe co seu apoio a completar proxectos de humanización de rúas e novas captacións de auga en Porqueira

Manuel Baltar recibiu no Pazo Provincial á alcaldesa, Susana Vázquez, para repasar os plans nos que colabora o goberno provincial, trasladando “o noso absoluto compromiso para que se finalicen as obras e os servizos que están en marcha” 

O presidente da Deputación destacou a axuda de 175.000 euros consignada nos orzamentos de 2023 para financiar distintos proxectos que se executarán ao longo deste ano, entre eles o remate da renovación de rúas en San Lourenzo 

AVANTAR ACTIVIDADES

A rexedora, satisfeita “pola receptividade do presidente”, tamén solicitou a colaboración da Deputación para realizar novas obras de abastecemento no municipio 

Ourense, 22 de xaneiro de 2023.- O presidente da Deputación, Manuel Baltar, recibiu no Pazo Provincial á alcaldesa de Porqueira, Susana Vázquez, para repasar os proxectos que se están executando no concello en colaboración co goberno provincial, referidos principalmente ao ámbitos das infraestruturas públicas. 

No transcurso deste encontro, Manuel Baltar trasladou á rexedora “o noso absoluto compromiso para contribuír a finalizar as obras e os servizos que están en marcha”. Neste sentido destacou a axuda de 175.000 euros consignada nos orzamentos da Deputación de 2023 para financiar distintos proxectos que se executarán ao longo deste ano,  

Entre esas obras, Manuel Baltar e Susana Vázquez analizaron os traballos de humanización de rúas na localidade de San Lourenzo, onde o goberno provincial cofinancia un proxecto enmarcado no Plan Hurbe da Xunta de Galicia. Baltar, que en maio do pasado ano visitou estas obras, comprometeu o apoio da Deputación “para completar un proxecto que repercute directamente na calidade de vida da veciñanza”. 

A alcaldesa de Porqueira, satisfeita “pola receptividade do presidente cara o Concello de Porqueira”, tamén solicitou a colaboración da Deputación para executar obras de abastecemento no municipio, “moi necesarias logo da complexa situación que vivimos no pasado verán como consecuencia da seca”. Un ámbito de actuación no que Susana Vázquez lembrou a axuda do provincial para abrir dúas novas captacións, xa finalizadas.