A Xunta concede 655.000 euros a Aspadisi para a construción dunha nova residencia de atención á discapacidade

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, visitaron hoxe as instalacións da entidade

Esta asociación é unha das dez entidades de Galicia beneficiarias da nova orde de axudas para a construción ou remodelación de centros de titularidade social, dotada de 13 millóns de euros

O Carballiño (Ourense), 23 de xaneiro de 2023. A Xunta outorgoulle 655.000 euros a Aspadisi, asociación de pais de discapacitados psíquicos da comarca do Carballiño, para a creación dunha residencia de atención á discapacidade. A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, acompañada do delegado territorial da Administración autonómica en Ourense, Gabriel Alén, visitou hoxe as instalacións desta asociación.

Aspadisi é unha das dez entidades de Galicia que se beneficiará da nova orde de axudas para a construción ou remodelación de centros para a atención a persoas maiores e con discapacidade de titularidade social, dotada de 13 millóns de euros. Con este apoio económico por parte do Goberno galego, Aspadisi creará un novo centro residencial con 24 prazas.

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Fabiola García destacou o traballo que realiza esta asociación do Carballiño e puxo en valor outras medidas dirixidas pola Xunta para apoiar ás entidades que actúan no ámbito da discapacidade, como o apoio prestado por parte do Executivo autonómico ás entidades para a actualización salarial dos seus profesionais, cunha axuda específica de máis de tres millóns de euros; ou a liña de subvencións para a compra de vehículos adaptados.

Neste sentido, a conselleira de Política Social e Xuventude anunciou que nos vindeiros días se resolverán as axudas con cargo ao 0,7% do Imposto sobre a Renda de Persoas Físicas (IRPF), que conta cun importe de 19 millóns de euros destinados directamente ás entidades sociais de Galicia.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------