Marina Ortega do grupo socialista sinala que o goberno galego é “o que peor trata á xuventude” pola falla de políticas de impulso demográfico

Marina Ortega cuestiona o Plan Retorna para “400 privilexiados” dos 150.000 galegos e galegas que marcharon nos últimos 20 anos: “é máis sinxelo que lles toque a lotería”

Santiago de Compostela, 22 de febreiro de 2023. A portavoz de Política Social do Grupo Socialista, Marina Ortega, esixiulle hoxe á Xunta que “deixen de chorar e póñanse a traballar” para solucionar a crise demográfica de Galicia. Ortega presentou unha interpelación ao goberno na que advertiu que é “o que peor trata á xuventude do país” pola falla de políticas dirixidas a crear as condicións para a recuperación da poboación na que é a rexión co peor saldo vexetativo de España.

AVANTAR ACTIVIDADES

A responsable socialista replicoulle ao anuncio da conselleira de Política Social dun novo Plan Retorna unicamente para 400 persoas “elixidas pola Xunta” dos máis de 150.000 galegos e galegas que tiveron que marchar a vivir fora nos últimos 20 anos. Puntualizou que “se a medida estrela polo goberno galego é retornar a 400 persoas privilexiadas, é máis sinxelo que lles toque a lotería ao resto”.

Ortega reclamoulle ao goberno galego que “asuman as súas responsabilidades” e “se poñan a traballar e deixen de chorar para dicir que é culpa doutras administracións” logo de 14 anos ininterrompidos de goberno con competencias exclusivas nos que converteron a Galicia nun dos territorios co peor dato de despoboamento de España e de Europa.

Comparou a situación de abandono do rural de Galicia con zonas como Siberia, onde as duras condicións climatolóxicas reducen a densidade a 3 habitantes por quilómetro cadrado. Aínda tendo mellor climatoloxía e mellores condicións de vida, sinalou que lugares como Chandrexa de Queixa ou Vilariño de Conxo teñen menos habitantes que a rexión rusa, con unicamente 2,8 habitantes por quilómetro cadrado.

Criticou que a Xunta responda a esta realidade con “marketing” e unha Lei de Impulso Demográfico “de boquilla”, que “non compromete partidas, nin acción claras e que está baleira de contido”. Denunciou que “mentres Galicia tiña que ser a vangarda das políticas de loita contra a despoboación, acontece todo o contrario” cun goberno que “goberna ao revés, facendo todo o contrario ao recomendado nos estudos sobre a materia”.

Censurou que recorten especialidades sanitarias e amorticen prazas nos hospitais e centros de saúde do interior, pechen escolas, deixen a mais do 80 por cento pequenas e medianas explotacións gandeiras. Engadiu que no canto de facer un Plan de Vivenda deixan sen xestionar as 340.000 vivendas baleiras que hai en Galicia, rexeitan tódalas propostas de axuda a autónomos e empresas e permanecen impasibles diante dos peores datos de emancipación xuvenil do Estado.