A Deputación impulsa 263 proxectos e servizos promovidos por concellos e entidades sociais, económicas, culturais e deportivas cun investimento de 20,1 millóns

A corporación provincial, reunida esta mañá na sesión ordinaria de febreiro, aprobou unha modificación de crédito que destina 19,5 millóns a suplementos de crédito e 564.000 a créditos extraordinarios

O expediente reserva unha partida de 7,3 millóns de euros para investimentos municipais e 900.000 euros máis para financiar outras 32 iniciativas; 2 millóns para colaborar con colectivos, asociacións e clubs; e 270.400 euros para programas do Inorde relacionados coa agricultura

AVANTAR ACTIVIDADES

O pleno deu o visto bo inicial ao Plan de Cooperación ás obras e servizos municipais e da rede viaria provincial para 2023, cun orzamento de máis de 6,3 millóns de euros

Por unanimidade acordouse abrir senllos expedientes de honra para nomear como fillas predilectas da provincia á astrónoma Antonia Ferrín -a título póstumo- e á cardióloga Marisa Crespo. Tamén se acordou solicitar a mellora dos servizos e equipos de dependencia da provincia

A corporación interrompeu a sesión ao mediodía para gardar un minuto de silencio ás portas do Pazo Provincial en solidariedade con Ucraína e para pedir o remate do conflito bélico

Ourense, 24 de febreiro de 2023.- O pleno da Deputación de Ourense aprobou hoxe unha modificación de crédito por importe de 20,1 millóns de euros que impulsará o desenvolvemento de 263 proxectos e servizos postos en marcha por concellos e entidades sociais, económicas, culturais e deportivas. A corporación provincial, reunida esta mañá na sesión ordinaria de febreiro baixo a presidencia de Manuel Baltar, deu o visto bo a este expediente, que destina 19,5 millóns a suplementos de crédito e a contía restante -564.000- a créditos extraordinarios.

Entre os suplementos de crédito destaca unha partida de 7,3 millóns de euros para investimentos en 132 proxectos deseñados por concellos ourensáns, programas ou servizos. Xunto con este apartado resérvanse máis de 900.000 euros para financiar gastos en outras 32 iniciativas relacionadas coa promoción turística, servizos sociais, medio ambiente, gastronomía, cultura, patrimonio ou deporte, organizadas por concellos de toda a provincia.

En cooperación con entidades, o expediente destina 2 millóns de euros para colaborar con 73 axentes sociais, económicos, culturais e deportivos do territorio, tanto como axudas para o seu funcionamento como para financiar actividades. Neste mesmo ámbito da cooperación con entidades cómpre apuntar 1,7 millóns de euros máis, dos que o 70%, isto é 1,2 millóns, están destinados a colaborar coa Universidade de Vigo para a ampliación do campus de Ourense.

Entre as partidas consignadas como suplemento de crédito figura un capítulo de servizos sociais, que cunha inxección económica de 1 millón de euros facilitará a posta en marcha dun programa contra a soidade non desexada e o envellecemento activo, así como 300.000 euros máis para o plan BenOurense de apoio aos servizos sociais municipais. Ademais, o apartado audiovisual verase reforzado con máis de 1 millón de euros para o patrocinio de rodaxes na provincia; o Plan EmergOU contará con 500.000 euros para cubrir as necesidades dos concellos afectados polas riadas deste inverno; e destinaranse 536.000 euros a financiar a parte que deberían abonar os concellos para o funcionamento dos Grupos de Emerxencia Supramunicipal existentes na provincia (11 GES e o servizo supramunicipal de Terras de Celanova).

O Inorde tamén figura neste expediente cun suplemento de crédito de 270.400 euros, co obxectivo de poñer en marcha iniciativas de emprendemento asociadas á agricultura rexenerativa e un plan piloto de dixitalización e economía circular aplicado ao castiñeiro.

Créditos extraordinarios

O medio millón de euros consignado para créditos extraordinarios permitirá destinar recursos a diversos plans, entre eles o programa de comunidades enerxéticas (200.000); o reforzo da colaboración coas Portas do Xurés (60.000); o impulso a actividades deportivas cun importante impacto nos concellos da Baixa Limia como o Xurés Experience (60.000); e a colaboración cos Grupos de Desenvolvemento Rural (60.000) dando cobertura aos seus gastos de funcionamento para que podan centrarse na execución de proxectos.

O documento aprobado esta mañá incluíu catro cambios cualitativos que non afectan á contía do orzamento xeral. Trátase de tres modificacións na finalidade da achega que afectan aos concellos de Vilamarín, San Amaro e Bande, ademais dun cambio de beneficiario a favor da Agrupación de Libreiros de Ourense.

Modificación de crédito do Inorde

Na orde do día figuraba un segundo expediente de modificación de crédito, esta vez relativo ao Inorde por un importe superior aos 400.000 euros. Desta cantidade, case 370.000 corresponden a suplementos de crédito, cunha partida de 150.000 euros para rehabilitar a estación de ferrocarril de Cantoña, en Paderne de Allariz, onde se está a crear un centro de transformación de produtos agroalimentarios. Os preto de 35.000 euros restantes neste expediente corresponden a créditos extraordinarios para asistencias técnicas dos proxectos europeos nos que traballa o Inorde.

Aprobación inicial do Plan de Cooperación

A corporación aprobou tamén inicialmente o Plan de Cooperación ás obras e servizos municipais e da rede viaria provincial para 2023, cun orzamento de máis de 6,3 millóns de euros. Deste total, máis de 2,8 millóns son para obras e servizos municipais. Cada concello recibirá unha achega de 51.000 euros, dos que 48.000 serán para executar a obra e os restantes 3.000 para servizos complementarios como a redacción de proxectos. No caso da entidade local menor de Berán, esta aportación será de 24.000 euros, dos que 2.000 serán para servizos complementarios.

Os concellos poden incrementar as achegas da Deputación con recursos propios para realizar proxectos de maior custo. Este ano son nove os concellos que se acolleron a esta modalidade, con aportacións que superan os 364.000 euros.

Outra das alternativas que segue en vigor é a adhesión á base 9 do plan, creada no ano 2020 como un réxime especial para facer fronte á pandemia. As entidades locais poden solicitar todo o importe da achega provincial -51.000 euros- para amortizar créditos ou financiar gastos correntes por prestación de servizos. No presente exercicio son 40 os concellos que optan por esta vía, o que supón algo máis de 2 millóns de euros do Plan de Cooperación. 

Polo que respecta á mellora e conservación da rede viaria provincial, o orzamento é de 1,5 millóns de euros para executar catorce proxectos, dos que o 96,02 % corresponden a obra nova e o resto (3,98 %) a actuacións de mellora na seguridade das vías. 

No documento consta un plan complementario con proxectos que se poderían executar en caso de existir recursos por anulación de obras ou baixas nas licitacións, así como tamén para obter a declaración de utilidade pública en obras que precisen de expropiacións. Para obras municipais este plan complementario destina máis de 2,1 millóns de euros e para a rede viaria 5,4 millóns.

Inventario de bens da Deputación

O pleno aprobou tamén a actualización e rectificación do inventario xeral de bens da Deputación, que a data de 31 de decembro de 2022 alcanza un importe superior aos 1.869 millóns de euros. O documento recolle os bens da institución provincial, distribuídos nos oito epígrafes que prevé a normativa, sendo o de maior contía o capítulo primeiro, relativo aos inmobles urbanos, rústicos e viarios, cun valor de 1.815 millóns de euros.

Tamén contou co visto bo do pleno o novo regulamento do Pazo dos Deportes Paco Paz, que establece a organización dos espazos e as normas para os usuarios, así como a modificación da ordenanza que regula os prezos públicos do recinto pola prestación de servizos e realización de actividades.

Títulos de honra para mulleres ourensás e aumento dos equipos de valoración de dependencia

No capítulo de proposicións aprobáronse por unanimidade dúas iniciativas relativas ao recoñecemento institucional de mulleres que valorizan Ourense, así como unha solicitude para a mellora dos servizos e equipos de dependencia da provincia.

A primeira moción concretouse na proposta de senllos expedientes de honra para o nomeamento en 2023 como fillas predilectas da provincia das doutoras Antonia Ferrín Moreiras -a título póstumo- e Marisa Crespo Leiro. Antonia Ferrín (O Carballiño, 1914-Santiago de Compostela, 2009) foi a primeira muller astrónoma titulada no Estado e a primeira en ler unha tese doutoral sobre astronomía no ano 1963. Marisa Crespo (Cea, 1961) é toda unha referencia internacional no ámbito da insuficiencia cardíaca e os transplantes de corazón, sendo a titular do servizo de insuficiencia cardíaca do Hospital Universitario da Coruña.

Na segunda proposta, a Deputación de Ourense insta á Xunta de Galicia, a través da Consellería de Política Social, a incrementar os equipos de valoración de dependencia na provincia, así como os equipos dos servizos sociais comunitarios. Tamén se insta á Deputación a financiar ou cofinanciar equipos multidisciplinares de intervención psicosocial nos municipios de menos de 20.000 habitantes, co fin de atender as demandas e necesidades psicolóxicas e sociais da poboación de máis idade.

Minuto de silencio en solidariedade con Ucraína

A corporación interrompeu a sesión ao mediodía para gardar un minuto de silencio ás portas do Pazo Provincial en solidariedade con Ucraína. Nunha concentración convocada pola FEMP, os participantes expresaron co seu silencio o apoio á poboación ucraína e aos millóns de desprazados, ademais de pedir o final da guerra e o restablecemento da paz.