Manuel Baltar define o proxecto de ampliación do solo industrial na área empresarial de Ourense “como unha magnífica noticia que ratifica o compromiso cos nosos empresarios”

O presidente da Deputación participou esta mañá na presentación do proxecto promovido pola Xunta de Galicia, e que recolle un investimento de 83 millóns de euros para a ampliación dos parques empresariais de San Cibrao das Viñas e Pereiro de Aguiar, así como a creación dun novo parque en Paderne de Allariz

Manuel Baltar celebra “ir da man como fomos sempre para afondar na cooperación cos empresarios, que é a palabra que nos define, e seguir aportando solucións e proxectos de futuro coma o presentado hoxe”

AVANTAR ACTIVIDADES

“Animamos a seguir arrimando todo o noso potencial e seguir apoiando calquera iniciativa que redunde no beneficio económico da provincia de Ourense”, remarca o presidente da Deputación, que celebra que “sen dúbida, se se fala de ampliación de zonas industriais, de novos metros cadrados e novos investimentos, é porque hai demanda e porque se saben facer as cousas”

O presidente do goberno autonómico, Alfonso Rueda, defendeu na súa intervención que “non son as administracións as que xeran riqueza, son os emprendedores, os autónomos e as pequenas e grandes empresas. E a Xunta está para acompañalas no seu crecemento”

San Cibrao das Viñas, 1 de marzo de 2023.- Esta mañá tivo lugar no polígono de San Cibrao das Viñas a presentación do proxecto de ampliación de solo industrial que está a impulsar a Xunta de Galicia para a área empresarial de Ourense. O presidente da Deputación, Manuel Baltar, participou esta mañá no acto presidido polo titular da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda; e que ademais da intervención do alcalde de San Cibrao das Viñas, Manuel Pedro Fernández e o presidente da asociación de empresarios do Polígono de San Cibrao, José Antonio Rodríguez Araújo; contou coa presenza dos rexedores de Pereiro de Aguiar, Luis Menor, e Paderne de Allariz, Manuel Pérez; a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez; o delegado da Xunta, Gabriel Alén; e unha ampla representación de empresarios ourensáns.

O proxecto de ampliación

En canto á ampliación do solo industrial, esta será de 1,6 millóns de metros cadrados e contará cunha inversión de 83 M€. Ademais da ampliación do parque de San Cibrao das Viñas, o proxecto tamén recolle a expansión do parque de Pereiro de Aguiar e a construción dunha nova área industrial en Paderne de Allariz. 

Por unha banda, o polígono de San Cibrao das Viñas será ampliado en 341.000 metros cadrados cun investimento total de 12,5 millóns de euros. O proceso administrativo xa está en marcha co obxectivo de licitar as obras de urbanización neste verán e comezalas a finais de ano. Con todos os procedementos, calcúlase que a ampliación podería poñerse en servizo en 2025.

Por outra banda, o proxecto inclúe para Paderne de Allariz a construción dun novo parque que conte con arredor de 1,1 millóns de metros cadrados grazas a un investimento de 56 millóns de euros, e cuxa tramitación xa está avanzada. Finalmente, investiranse 14,4 millóns de euros para realizar a ampliación do parque empresarial de Pereiro de Aguiar e así incrementar a súa superficie en máis de 200.000 metros cadrados.

Manuel Baltar valorou este investimento como “unha magnífica nova, creo que as expectativas se ven superadas por esta aposta económica, en metros cadrados e en investimentos”. “Imaxino que aquel que leva o nome desta rúa, un referente inesquecible na historia de Ourense como Ricardo Martín Esperanza, tamén se sentiría tremendamente positivo con estes datos. Para a Deputación que presido é unha magnífica noticia, e esta reunión ratifica o firme compromiso da institución cos empresarios e con esta área industrial, a máis grande de Galicia, e tamén coas áreas empresarias de Pereiro de Aguiar e Paderne de Allariz”.

En relación aos empresarios, Manuel Baltar celebra “ir da man como fomos sempre, tanto coa Deputación como co Inorde, para afondar nesa cooperación, que é a palabra que nos define, e seguir aportando solucións e proxectos de futuro coma estes. Facémolo diariamente, por exemplo sufragando o dispositivo de emerxencias do Parque Empresarial de San Cibrao das Viñas, ou outros proxectos coa Asociación de Empresarios”. 

Finalmente, o presidente provincial agradeceu “o papel da Xunta de Galicia” e salientou “os grandísimos e positivos efectos da cooperación”. Manuel Baltar animou a “seguir arrimando todo o noso potencial e seguir apoiando calquera iniciativa que redunde no beneficio económico da provincia de Ourense”. “Sen dúbida, se se fala de ampliación de zonas industriais, de novos metros cadrados e novos investimentos, é porque hai demanda e porque se saben facer as cousas. Polo tanto, esta Deputación é unha aliada non só para os concellos senón tamén para todas as entidades que adican o seu tempo a transformar esta provincia, como é o caso da Confederación Empresarial de Ourense”, concluíu o presidente provincial. 

Se as empresas medran, medra a economía de Galicia”, remarcou Alfonso Rueda

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, defendeu que “non son as administracións as que xeran riqueza, son os emprendedores, os autónomos e as pequenas e grandes empresas. E a Xunta está para acompañalas no seu crecemento”. “Se as empresas medran, medra a economía de Galicia”, explicou o presidente, resaltando que a Xunta está para “poñerlles facilidades sendo áxiles e comprobando as necesidades que teñen, e intentando adiantarse co obxectivo de funcionar como unha Administración eficiente”, concluíu Rueda. 

Pola súa parte, o alcalde de San Cibrao quixo recoñecer na súa intervención “o apoio das administracións públicas ao polígono na mellora das condicións das empresas” e remarcou “a necesidade de implementar dende o Goberno central a nova EDAR de San Cibrao”.