O Marcos Valcárcel acolle dende mañá a exposición fotográfica “Abeirados”, de Xosé Manoel Rodríguez

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

O Centro Cultural Marcos Valcárcel albergará dende mañá, 9 de marzo, ao vindeiro 9 de abril a mostra fotográfica “Abeirados”, un ensaio visual realizado por Xosé Manoel Rodríguez que recolle imaxes de espazos públicos nos que se lembra ás persoas vítimas dalgún accidente ou sinistro mortal. 

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

“Abeirados” xorde dun traballo documental realizado nestes últimos doce anos ao longo do territorio galego, con especial protagonismo ourensán, e que serviu para obter unha serie de imaxes cun forte significado. 

O obxectivo da mostra é reflectir un costume secular de Galicia, mais tamén universal, como é a lembranza dos finados nos espazos públicos, especialmente a través deses fitos colocados na beira das estradas -de aí o nome da iniciativa- que evocan sinistros mortais de moi diversa índole -dende accidentes de tráfico a episodios violentos ou naufraxios-. 

O seu creador explica que foi un proxecto desenvolvido sen présa, esquecéndoo e volvendo a el en diferentes etapas durante este tempo, e fuxindo daqueles lugares convertidos en símbolos da traxedia por episodios recentes de carácter colectivo. 

Este ensaio fotográfico é, polo tanto, un percorrido por todos eses espazos que recordan pasamentos accidentais e que se espallan polas estradas, cantís ou congostras, constituíndose en monumentos íntimos con grande capacidade de transmisión de cada pequena ou gran historia.

As imaxes que forman a base documental foron realizadas por Xosé Manoel. Ademais do apoio da Deputación de Ourense, tamén participaron na conformación do proxecto da exposición e o catálogo Xosé Enrique Acuña, Xulio Gil e a produtora ourensá Visual Q.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------