Unha vintena de equipos de bacharelato debaten na fase clasificatoria do programa Parlamento Xove

A Residencia de Tempo Libre do Carballiño acolle hoxe e mañá o evento

As intervencións dos equipos xirarán sobre esta cuestión: ‘Está preparado o Estado de Benestar para afrontar os desafíos do envellecemento da poboación?’

AVANTAR ACTIVIDADES

O Carballiño (Ourense), 11 de marzo de 2023.- O programa Parlamento Xove da Xunta de Galicia celebra hoxe e mañá na Residencia de Tempo Libre do Carballiño a fase clasificatoria na categoría de Bacharelato. Un total de 18 equipos de 13 centros educativos, que suman 72 estudantes, danse cita esta fin de semana neste evento.

Os equipos debaterán sobre a seguinte cuestión: ‘Está preparado o Estado do Benestar para afrontar os desafíos do envellecemento da poboación?’. Terán que defender unha posición, ben a favor ou ben en contra. A dificultade está en que soamente cinco minutos antes de cada debate procederase ao sorteo da postura a adoptar por cada equipo.

A relación de centros educativos que presentan un equipo de Bacharelato a esta fase clasificatoria de Parlamento Xove son: o Colexio Internacional SEK-Atlántico de Poio, o IES Nosa Señora de Ollos Grandes de Lugo, o IES Plurilingüe Fontexería de Muros, o IES Plurilingüe Rosalía de Castro de Santiago de Compostela, o IES Francisco Asorey de Cambados, o IES A Pinguela de Monforte e o CPR San José FEC e o IES Lucus Augusti, os dous de Lugo. Así mesmo, os centros que presentan dous equipos son: o Colexio La Salle de Santiago de Compostela, o IES O Carril de Vilagarcía de Arousa, o IES Laxeiro de Lalín e os colexios María Inmaculada Carmelitas Vedruna e Mariano, os dous de Vigo.

A 14ª edición de Parlamento Xove presenta como novidade que se abre á participación dos estudantes de calquera módulo ou ciclo de Formación Profesional. Esta nova categoría súmase ás de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO), Bacharelato e Universidade.

Mellorar as capacidades do alumnado

O obxectivo deste programa é potenciar as habilidades individuais e en grupo dos participantes en aspectos como a expresión oral e escrita, a orixinalidade ou a argumentación razoada, entre outros. Así mesmo, este programa fomenta o traballo en equipo, o liderado, o emprego das novas tecnoloxías con fins informativos e culturais, e o respecto polas ideas dos demais.

En total, nesta convocatoria do programa están inscritos 56 equipos e 267 participantes en todas as categorías. Aos que compiten na de Bacharelato hai que engadir 24 equipos e 96 mozos de ESO; 4 equipos e 16 alumnos de Formación Profesional e 10 equipos e 37 universitarios. Dende o inicio de Parlamento Xove no ano 2010 teñen debatido neste certame máis de 500 equipos e superáronse os 2.500 participantes.