A Deputación colaborará co Concello da Teixeira na mellora de infraestruturas públicas

O presidente do goberno provincial, Manuel Baltar recibiu esta mañá no Pazo Provincial á alcaldesa en funcións do Concello da Teixeira, Marisol Borrajo, para avaliar as liñas de colaboración abertas entre ambas administracións

A Deputación cooperará no arranxo dun depósito de auga municipal, actuación xa incluída na modificación de crédito aprobada en febreiro

AVANTAR ACTIVIDADES

Manuel Baltar salienta que “a Deputación, como concello dos concellos ourensáns, sempre estará a carón de todos os municipios, con plena dispoñibilidade para colaborar naquelas iniciativas que melloren a calidade de vida dos veciños”

Marisol Borrajo agradece “a receptividade e o compromiso que mantén a Deputación con concellos como o noso, permitíndonos levar a cabo proxectos importantes para a veciñanza”

Ourense, 14 de marzo de 2023.- O presidente da Deputación, Manuel Baltar, mantivo esta mañá no Pazo Provincial unha xuntanza de traballo coa alcaldesa en funcións do Concello da Teixeira, Marisol Borrajo, na que avaliaron as liñas de colaboración abertas entre ambas administracións perfiladas arredor da mellora das infraestruturas e os servizos públicos. 

Nesta liña de cooperación, a Deputación asumirá o arranxo dun depósito de auga municipal, actuación xa incluída na modificación de crédito aprobada pola corporación provincial no pleno do pasado mes de febreiro. 

Despois da reunión, enmarcada segundo o presidente do goberno provincial “nesta dinámica de colaboración interadministrativa tan beneficiosa para o territorio ourensán”, Manuel Baltar salientou que “a Deputación, como concello dos concellos ourensáns, sempre estará a carón de todos os municipios, con plena dispoñibilidade para colaborar naquelas iniciativas que melloren a calidade de vida dos veciños”. 

Pola súa banda, Marisol Borrajo agradeceu “a receptividade e o compromiso que mantén a Deputación con concellos como o noso, permitíndonos levar a cabo diversos proxectos que resultan importantes para a veciñanza”.