A Deputación de Ourense renova o seu compromiso coa posta en valor do Castelo de Monterrei

O presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, e o alcalde de Monterrei, José Luis Suárez, asinaron no Concello de Monterrei a renovación do convenio anual de colaboración para cofinanciar a limpeza, conservación e mantemento do castelo, no que tamén colabora a Axencia de Turismo de Galicia

O orzamento das actuacións deseñadas alcanza os 68.000 euros, dos que a Deputación achega 48.000 euros -8.000 euros máis que o ano pasado- e a Axencia de Turismo de Galicia, 20.000 euros

AVANTAR ACTIVIDADES

Manuel Baltar incide na importancia de renovar, potenciado, “un convenio deseñado para manter en perfecto estado esta gran xoia de Ourense -unha das mellores postais de Galicia-, e que simboliza a forte aposta deste goberno provincial polo noso patrimonio e a nosa cultura”

José Luis Suárez agradece a colaboración da Deputación e Xunta de Galicia, valorando a pertinencia da “renovación dun acordo para ter nas mellores condicións o noso emblema, e que sen dúbida vai a ser o motor económico da nosa comarca”

O convenio abarca “o mantemento periódico para o control da vexetación, a eliminación da maleza dos arredores da fortaleza e a recollida de lixo, actuacións estendidas a outros elementos de interese situados no exterior do recinto amurallado como son a fonte e o contorno do forte da Atalaia”

Monterrei, 12 de marzo de 2023.- O presidente da Deputación, Manuel Baltar, e o alcalde de Monterrei, José Luis Suárez, renovaron no Concello de Monterrei o convenio anual de colaboración para a limpeza, conservación e mantemento da contorna do castelo desta vila, no que tamén colabora a Axencia de Turismo de Galicia. 

O orzamento das actuacións deseñadas alcanza os 68.000 euros, dos que a Deputación achega 48.000 euros -unha aportación superior a 8.000 euros máis que o ano pasado- e a Axencia de Turismo de Galicia, 20.000 euros. 

Despois da sinatura do convenio no salón de plenos, no que tamén estiveron presentes edís do grupo de goberno e o secretario do Concello de Monterrei, o presidente da Deputación incidiu na importancia de renovar, potenciado, “un convenio deseñado para manter en perfecto estado esta gran xoia de Ourense -unha das mellores postais de Galicia-, e que simboliza a forte aposta deste goberno provincial polo noso patrimonio e a nosa cultura”. 

Manuel Baltar tamén pon en valor a capacidade tractora do Castelo de Monterrei, “unha panca socioeconómica que se verá amplificada a través do proxecto deseñado pola Xunta de Galicia, e que investirá 14 millóns de euros para reforzar o seu músculo turístico e seguir avanzando na blindaxe da súa conservación”. 

Pola súa banda, o alcalde de Monterrei agradece a colaboración da Deputación e Xunta de Galicia, valorando a pertinencia da “renovación dun acordo para ter nas mellores condicións o noso emblema, e que sen dúbida vai a ser o motor económico da nosa comarca”. 

Posta en valor do Castelo de Monterrei

O obxectivo deste convenio de colaboración é “a posta en valor do Castelo de Monterrei, o máis importante recurso patrimonial e cultural do concello de Monterrei, de grande interese turístico”. Para iso, levarase a cabo “un mantemento periódico para o control da vexetación, a eliminación da maleza dos arredores da fortaleza e a recollida de lixo. Ditas actuacións de mantemento, limpeza e roza estenderanse a outros elementos de interese situados no exterior do recinto amurallado como son a fonte e o contorno do forte da Atalaia”.

Este conxunto de actuacións pretenden contribuír “a mellorar a imaxe do concello de Monterrei como destino cultural e artístico, o que incrementará de maneira directa o fluxo turístico e propiciará repercusións económicas favorables para a comarca e, polo tanto, para Galicia”.