A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense aprobou hoxe a concesión de preto de 229.000 euros en subvencións para cooperar en proxectos municipais e actividades empresariais.
Na sesión celebrada esta mañá, baixo a presidencia de Manuel Baltar, concedéronse 12.000 euros para o fomento de actividades turísticas e deportivas en Arnoia; 30.000 euros para equipamento da Escola de Baño en Bande; 40.000 para a segunda fase da piscina dos Blancos; case 48.000 para a mellora do camiño entre San Martiño e Barxa; 6.000 para o Concello do Carballiño con motivo da celebración do premio Antón Losada Diéguez; 18.000 para estudos e proxectos a realizar en Cortegada; e 25.000 euros a favor de Pereiro de Aguiar para Ben-Cho-Shey.
No ámbito de colaboración con entidades, a orde do día incluíu a aprobación dunha achega por importe de 50.000 euros para a Asociación Empresarial de Valdeorras (AEVA), axuda destinada á realización de proxectos e gastos de funcionamento correspondentes ao presente exercicio.
A Xunta de Goberno tamén ratificou unha resolución da presidencia pola que se deixa sen efecto a convocatoria de subvencións para o fomento de actividades escénicas e musicais de 2023. A decisión adóptase logo do esgotamento da partida orzamentaria prevista para esta liña de axudas -90.000 euros-, o que imposibilita a concesión de novas achegas.