Gabriel Alén destaca o investimento da Xunta de máis de 4,2 m€ na provincia de Ourense a través do plan de mellora de camiños rurais

O delegado territorial da Xunta anunciou en Xunqueira de Espadanedo  a nova convocatoria das axudas do Plan de mellora de camiños rurais 2023-2024

  • O delegado territorial da Xunta explicou que o Plan de mellora de camiños rurais, persegue a mellora de infraestruturas co gallo de xerar cohesión social e territorial, mellorando as condicións de vida e de traballo no medio rural
  • Estas axudas financiarán as actuacións de ampliación, mellora ou mantemento, dos camiños que formen parte da rede viaria de acceso a unha ou varias entidades de poboación
  • O prazo de presentación de solicitudes remata o vindeiro 3 de abril

Ourense, 24 de marzo de 2023. O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, supervisou esta mañá, acompañado do alcalde, Carlos Gómez, as obras de mellora dun  camiño municipal de acceso a parcelas agrícolas que se desenvolveron no concello Xunqueira de Espadanedo cun investimento da Consellería do Medio Rural de máis de 40.000 euros. A actuación consiste no arranxo do camiño cun tratamento de tripla rego asfáltico nun treito de 1.200 metros.

AVANTAR ACTIVIDADES

O delegado territorial da Xunta aproveitou a súa estadía en Xunqueira para lembrar a nova  convocatoria, publicada no Diario Oficial de Galicia do pasado día 3 de marzo, das axudas do Plan de mellora de camiños rurais 2023-2024, enmarcadas no Plan estratéxico da Política Agraria Común (PAC) 2023-2027. Estas achegas, que convoca a Consellería do Medio Rural a través da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, están cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural e contan cun orzamento de case 18 millóns de euros, o máis alto dende o ano 2017. O prazo de presentación de solicitudes remata o vindeiro 3 de abril.

A maiores, a Xunta está a traballar nun Plan extraordinario para arranxar camiños en concentracións parcelarias, que estará dotado con 6 millóns de euros neste 2023. Gabriel Alén subliñou tamén que na convocatoria de 2023- 2024, a Xunta destinou á provincia de Ourense 4.266.649 euros, o que supón un incremento de máis dun 5% con respecto á convocatoria anterior. En total, 1315 camiños arranxados que suman preto de 1.040 quilómetros.

O representante do Goberno galego explicou que o Plan de mellora de camiños rurais persegue a mellora de infraestruturas co gallo de xerar cohesión social e territorial, mellorando as condicións de vida e de traballo no medio rural. Así, os camiños rurais facilitan a accesibilidade e vertebración do territorio, reforzan o tecido social e contribúen a mellorar a capacidade organizativa das áreas rurais, dinamizan o tecido produtivo e fixan poboación.

Estas axudas financiarán nun 100 % os gastos subvencionables. Deste xeito, son subvencionables as actuacións de ampliación, mellora ou mantemento dos camiños que formen parte da rede viaria de acceso a unha ou varias entidades de poboación. Considéranse obras de ampliación aquelas que supoñan un incremento da largura que incidan na mellora da seguranza viaria, permitan o cruce de vehículos ou sobrelargos necesarios en zonas de curvas, de baixa visibilidade ou entroncamentos. Por outra banda, son actuacións de mellora aquelas que supoñan un reforzo do firme existente coa incorporación de novas capas máis axeitadas ás características do tráfico rodado que soportan.   

Neste senso, cada concello poderá presentar unha única solicitude de axuda con ata un máximo de tres proxectos e cada un destes proxectos poderá comprender un máximo de tres actuacións. Neste sentido, enténdese por actuacións a intervención sobre un mesmo camiño, ou ben sobre varios, sempre e cando, neste último caso, as obras proxectadas teñan unha continuidade física.

Todos os proxectos que se presenten deberán cumprir unha serie de requisitos. En primeiro lugar, non deben estar iniciados antes da data de presentación da solicitude -aínda que si que poden comezar a executarse antes da resolución das axudas-. Neste senso, os proxectos deben desenvolverse no territorio galego, exceptuando as parroquias clasificadas como zonas densamente poboadas.

Para a distribución dos fondos desta iniciativa, a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural acordou coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) os criterios de repartición. Deste xeito, a partida dispoñible repártese en cada convocatoria entre os 313 concellos da Comunidade, partindo dunha asignación fixa por concello, que se incrementa en función do número de entidades de poboación e do número de habitantes do municipio. Ademais de ter en conta outros requisitos, na distribución dos fondos prímanse -por exemplo- aqueles concellos que foron obxecto dun proceso de fusión municipal.