O ‘XIV Congreso do Centro de Estudios Chamoso Lamas’, que se celebrará os días 2, 3 e 4 de outubro próximo co lema “O Ribeiro: a cultura do viño, patrimonio, territorio e xentes” na Casa da Bexanca-Cabanelas-O Carballiño, está a suscitar un gran interese, por canto están a piques de cubrirse as prazas dispoñibles, que son arredor de sesenta.
Dende a organización lembran que hoxe, venres, 25 de setembro, remata o prazo de matrícula, que é gratuita e pode realizarse de xeito sinxelo na páxina web https://centroestudioschamosolamas.com/
O congreso conta coa concesión de 1 crédito de 25 horas da Universidade de Vigo e un denso e interesante programa con vintecinco comunicacións sobre historia, arte, arqueoloxía, clima, botánica, literatura e natureza, entre outros temas de estudo; dúas conferencias, unha a cargo de Pablo Rodríguez Oitabén e a súa filla Paula, xestores do Bosque de Ridimoas, e outra de Xosé Benito Reza, que foi Director Xeral de Conservación da Natureza e disertará sobre o monumento natural máis extenso de Galicia: a Serra de Pena Corneira.
Haberá tamén un debate moderado polo enxeñeiro técnico agrícola carballiñés Xosé Carballido Présas e dúas proxeccións audiovisuais. Tamén se realizará un roteiro cultural ao Museo Etnolóxico de Ribadavia, ao castro de San Vicente en Avión, a Pena Corneira e Amiudal, aldea natal de Alfonso Graña “O rei dos xíbaros”.
Durante o congreso haberá un servizo gratuito de microbús dende O Carballiño até Cabanelas e viceversa, para facilitar o transporte dos congresistas.















